A sorte necesaria

Francisco Ant. Vidal
Francisco Ant. Vidal LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

08 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A sorna é un escudo contra a impotencia, é unha arma defensiva contra o insulto, un paraugas contra a chuvia de abusos que nos asola, unha risa contra a burla, unha evasión contra a desesperación, e se non fose pola sorna o mundo sería inhabitable. Mais se ben é certo que a sorna non soluciona os problemas, alomenos fainos máis levadeiros. Por iso é tan común entre os lectores de periódicos mirar o chiste antes cá portada.

Xulio asegura que a sorna tivo que nacer xusto despois de que Adán e Eva fosen expulsados do paraíso, e cando por fin quedaron sos, rodeados de feras e campos sen cultivar, mentres o anxo marchaba e a luz da flamíxera espada se apagaba, inventaron o primeiro chiste verde: «E como imos facer agora a escuras, meu home. Apalparnos, muller, apalparnos».

Lembraba estoutro día unha exposición de Xaquín Marín, aló polo ano setenta e seis, máis ou menos, en que o artista debuxaba unha rúa con distintos negocios, eran simples bares, mercerías ou carnicerías a quen os donos lles puxeran o nome de cidades estranxeiras, evocando con el o do lugar onde o propietario gañou os cartos para montalo. Aínda antonte, na miña rúa, un paisano que estivo vinte anos de estibador en Amberes abriu un «bar Antwerp». Hai un par de anos volvín a ver aquel debuxo no museo do humor de Fene e segue estando de actualidade. E evidentemente, por moi fermoso que sexa o debuxo, aquilo non era un chiste, era unha lección de economía que non demos aprendido despois de case corenta anos, unha lección de economía tan rotunda como aquela de Castelao: «Di máis da fame dun ano un hórreo que deixa pasar a luz do sol a través das súas regañas cá todas as análises e tratados de economía que se fagan». E traio este asunto a estas liñas, porque acabo de repasar as antolóxicas de varios humoristas, e rematei coa comisura dos beizos para arriba e a alma polo chan.

Claro que a sorna, aínda que leve nome galego, non é exclusivamente nosa, e se non que llo digan ó Quino de Mafalda, pero tamén é a única cousa que nos permite descansar e poñer distancia cos golpes do día a día, é a que nos abre os ollos cun aloumiño, sobre todo neste ano electoral cando os distintos líderes, entre arroutada e arroutada, estean no poder ou na oposición, prometen o imposible e semellan xogar con nós ás quedas, e como non sabemos onde agochan as intencións temos que botar unha risa, resignados a que con ela entendan que coñecemos o refrán aquel de prometer e non dar.

Entre as distintas maneiras de afrontar a realidade con sorna, chégame a proposta de facer un deses cadernos informáticos onde se recollan as noticias de cada día coa intención de sacarlle unha risa ó persoal. A verdade é que iso non é novo, xa se fai na televisión e na radio, pero a simple idea de querer facelo xa denota a necesidade que temos de resignarnos e converter en chiste a dura realidade, as frases solemnes, os discursos baleiros, as promesas imposibles, os decretos de cada venres, as inauguracións de grandes obras e as ofertas de paraísos perdidos. O malo é que nesta posible antoloxía do chiste cotiá, son tantas as noticias a recortar que, para non gafar as tesoiras, será mellor gardar o xornal enteiro. Tanto é así, que ata o prometedor máis serio do parlamento nos arrinca un sorriso, e non precisamente por simpático, senón como argucia defensiva contra a rabia.

En fin, que como Xulio di, se por el fose, proclamaría a sorna como ben social, e en vez dun voceiro do goberno crearía a figura do ministro de gracia e desconsolo, polo menos, entre risa e risa saberíamos a que aternos.