O covarde

Francisco Ant. Vidal
Francisco Ant. Vidal LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

21 mar 2015 . Actualizado a las 21:11 h.

Volvinme atopar estoutro día co Virulillas. A verdade é que xa había tempo que non cadraba con el e tampouco o botaba de menos. Xa sabedes que dos nosos encontros sempre me veñen á memoria tempos non tan gratos como sería de desexar, pero aínda así, este día, dado que o encontro foi no bar que rexenta un amigo común, xa eramos dous contra el, para lembrarlle, sempre sen perder o sorriso, o mal becho que era cando iamos ó grupo escolar. Ata que, nun momento da conversa, despois de chamar ó camareiro «pon aquí outras», como se por pagarnos unha invitación xa fose ser exculpado dos pecados habidos, lembrou unha daquelas atrocidades que el e o seu curmán cometían contra todos nós, cando colleron a un cativo e o ameazaron con aforcalo na pola dun pino se non lles daba non sei que cousa que o outro atopara. E aínda contaba como aquel, vendo ó curmán de dous buratos máis no cinto ca calquera do seu tempo, axitando na man un rello ó que lle tiña feito un nó ó estilo das películas de vaqueiros, colleu tal medo que, de súpeto, mexou por si. E contábanos o moito que se riron del aquel día e aínda agora, cando se lembran do rápido que lles deu o que lle reclamaban diante dunha corda cun nó de sete voltas.

Mentres contaba a anécdota, na que a palabra covarde e todos os seus sinónimos se repetían constantemente, confeso que me sentín triste, e non puiden deixar de pensar no significado da mesma, ou no que aquel entendía por tal, porque evidentemente non é o mesmo ser covarde ca temer pola propia vida, como non o é estar na seguridade da verdade a ter que calar diante dun terco violento. E desde aí, non sei por que camiños acabamos chegando a comparar ó heroe, o antónimo por excelencia daquel, co sabio, quen polo xeral nunca peca de covarde, pusilánime ou impetuoso. E así, sendo o sabio e o heroe todo o contrario do covarde, ambos se diferencian só na idade, pois non hai sabio novo nin heroe ancián; e o Virulillas, coa súa barriguiña prominente e calva abundante, non é nin foi nunca nin o un nin o outro.

O heroe, como dixo non sei quen, tamén pode ser un covarde que fuxe en dirección contraria -aclarámoslle-, un tolo que aboca o perigo por descoñecemento, un botado para diante con sorte que, tras acabar mal só deixa na memoria a súa arroutada, na maioría dos casos levando por diante a un montón de contrarios e inocentes que non teñen culpa da súa fereza sen control. O Virulillas nin a iso chegaba porque para as súas atrocidades sempre se escudaba no seu curmán. E se o heroe acostuma a morrer novo (cousa que nin lle desexo a este amigo de pouco gratos recordos), porque a vida non lle dá para máis, o sabio sempre morre vello.

Neste falar por falar, no que o Virulillas de súpeto xa non tiña nada que dicir e só se limitaba a mirar para nós co sorriso dos escépticos disfrazando a súa cara, tal vez pensando en que categoría entraba el, como o considerábamos nós e como o seu curmán. E mentres concluíamos que o sabio é quen de manterse alleo a modas, idolatrías e actitudes fantasiosas, el sinalaba o seu peito. O sabio, seguíamos, non atende ós discursos dos profetas salva-patrias nin ás acusacións de irrealista, utópico, desnortado, iluso e outras polo estilo, con que son atacados, porque coñece o límite entre o perigoso e o seguro sen necesidade de humillarse nin de claudicar das propias ideas, e ese si é un arte vital que moi raras veces e moi poucos posúen. E chegados a este punto, preguntounos por el, que tampouco anda con contos nin politiqueos: «Tranquilo home, que ti nin sequera eras un covarde».