Os nenos de Outes descobren o monte

j. m. sande

BARBANZA

Escolares da Serra tiveron ocasión de coñecer como funciona a motobomba municipal.<span lang= es-es > </span>
Escolares da Serra tiveron ocasión de coñecer como funciona a motobomba municipal. sande< / span>

Realizaron actividades formativas da man dos axentes forestais da zona

17 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O monte xa non agocha segredos para os nenos de Outes. Tanto os alumnos do colexio Emilio Navasqües coma os do centro formativo da Serra estiveron a participar nunhas xornadas impartida por axentes forestais do distrito cuarto de Barbanza que lles permitiron desde coñecer as técnicas de repoboación mediante a plantación de distintas especies ata entrar en contacto co material que se emprega para a extinción dun incendio. Incluso participaron na elaboración dunha guía didáctica.

A confección deste manual foi unha das iniciativas máis destacadas, polo que ten de novidosa. A guía foi realizada por Luís Zarco, tomando como referencia a gran representación de especies propias dos montes e os ríos galegos que se concentran nas inmediacións do colexio da Serra de Outes: «Agora serán os nenos os educadores cando visiten este lugar cos seus pais, avós ou amigos», explicou o autor, que incluíu no volume curiosidades coma os beneficios de cada planta.

O axente territorial Abel Pérez destacou a importancia que teñen este tipo de actividades dirixidas aos máis pequenos: «Realizar unha plantación de árbores e entregarlle a cada neno un exemplar vai máis alá dese simple feito, o que se busca é conciencialos no coidado dos montes como recurso endóxeno de Galicia».

O obxectivo do distrito cuarto é darlle continuidade a estas xornadas, chegando ao maior número de colexios posible. Ata o de agora, foron 260 os alumnos que se viron beneficiados das actividades.