Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Non nos destruïades

BARBANZA

21 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Vindo estoutro día de facer un percorrido por terras de Laxe e Camariñas, o meu compañeiro de xeira lembroume que este ano é o centenario da publicación da Teoría Xeral da Relatividade, unha teoría sobre a que todos temos algo que dicir pero da que só entenden catro físicos en todo o mundo, e a verdade é que, desde a visión que podemos ter os profanos na materia non deixa de ter certo atractivo esta e todas as novas teorías que nos ofrece a física para entender como funciona o mundo, como aumenta a masa coa velocidade ou como varía o tempo cronolóxico segundo se viaxe a unha ou outra velocidade. E daí, tampouco sei por que, pasamos a criticar a fixación que os escritores de ciencia ficción e os ficcionadores da ciencia teñen con iso da visita, invasión, contacto e intercambio cultural que se agarda dos extraterrestres, a quen todos teñen por seres máis intelixentes ca nós sen que ninguén intercambiase con eles nin dúas palabras.

E claro que eu son dos que, sen negar as posibilidades de vida, e incluso de vida intelixente nalgún lugar do universo, non creo nos ovnis, e non creo a pesar de que unha adolescente me increpou en certa ocasión que como podo ser tan egoísta como para pensar que Deus só nos fixo a nós superiores, e ía dicirlle que ó mellor precisamente pola experiencia habida, arrepentido, xa non se atreveu a seguir co xogo, pero tampouco me parece sensato meter a ese tal Deus nestes asuntos tan matemáticos, e saquei as fórmulas da velocidade e do tempo para que entendese canto tardariamos en chegar ó exoplaneta máis próximo indo á velocidade da luz, e sen sufrir as consecuencias que tal velocidade implica segundo Einstein e que a ciencia ficción soe esquecer. Pero isto tamén nos dá pé para imaxinarnos a que poden vir os extraterrestres a visitarnos, porque sen saír deste planeta, o contacto entre civilizacións sempre foi nefasto para a supostamente menos avanzada, e daquela só podemos agardar, ou rezar segundo o caso, para que, de viren veñan en carros de cabalo e non en naves de alta tecnoloxía, se non queremos levar as de perder.

Películas á parte e coa experiencia da historia na man, queda demostrado que ninguén emigra a ningures porque si, e aínda os que van de turismo, sempre van coa idea de traer algo da viaxe, xa sexa unha experiencia ou unha regalía. Lembremos que o primeiro que traían os descubridores eran indicios das marabillas que atopaban ou imaxinaban, para convencer logo ós demais de que fosen a esas terras a arramplar con todo. E iso é o que nos debe dar medo dos extraterrestres, se existen, que veñan co conto de que nos van civilizar e logo nos fagan traballar para eles ata chucharnos o sangue.

Por todo isto viñemos dar a esas mensaxes que desde o ano setenta se están mandando ó espazo en forma de pulsos dixitais, a modo daqueles pactos de hospitalidade entre os romanos e os castrexos, modernos foedus selando as paces co extraterrestre que sexa capaz de entendelas, tal a mandada por Carl Sagán e outros astrónomos en 1974 dando conta de quen somos; pero a que máis me chamou a atención foi a que mandaron o pasado novembro desde a estación para a detección de meteoritos en Os Biocos, Ourense, cunha frase clara: «Por favor, non nos destruïades». Clara pero ó mesmo tempo derrotista, dando por feito que toda civilización avanzada non vén a traernos cultura senón a conquistar a nosa terra e desposuírnos dos poucos bens que temos.

Unha mensaxe que garda en poucas palabras a esencia do que somos e do que tememos por pura experiencia histórica.