Non sei como será a experiencia lectora dos demais. Cada quen ten a súa, e con ela unha maneira diferente de enfrontar un novo libro ou un novo artigo. A min gústame seguir as recomendacións dos amigos e Xulio dinos que a maioría das veces a aproximación ten o proceso propio dos preámbulos dunha batalla, cos seus espías e as súas avanzadas, con campañas de creto e descrédito que preparan ó lector e o animan a abocar o conflicto que se lle brinda.
Primeiro alguén chegou co ruxerruxe daquel libro, cunha opinión lanzada ó chou, cunha crítica, cunha lectura entendida ou cunha dúbida, tal vez facéndose eco dunha reseña impresa que anima ó lector a acercarse a unha librería e preguntar por iso que unha voz fiable asegurou como necesario ou convinte, e entón empeza a aproximación clandestina, unhas veces a través dos escaparates, mirando disimuladamente a capa do libro, e case sempre coa timidez que impón o descoñecemento da obra, ollando unha e outra vez o deseño da cuberta como se fose o espello da súa alma ata que algo che anima a entrar e preguntar por el, e aínda con el na man, sentindo o seu peso físico, se mira con sorpresa, receo ou decisión, dándolle a volta para ler a contracapa, unha páxina calquera do medio ou a biografía do autor por se é de fiar ou non; e ás veces animado pola complicidade do libreiro, que tal o socio dun contubernio secreto bísbache ó oído as virtudes ou maldades do libro, vas cara a caixa rexistradora decidido a posuílo e meterlle o ollo, talvez aínda dubidando de se serías timado ou non, ou se o prezo será adecuado ás expectativas. Nese intre, aínda na librería, xa se crea unha especie de sociedade secreta en que se debate se o libro ha de seguir con bo pé polos mal acondicionados sendeiros da lectura.
Xulio chegou en plan bélico, e cando lle digo que tamén pode establecerse unha relación de amor-odio propia de calquera parella, el segue coa súa exposición:
Agora xa tes contigo a ese ser que non sabes se has de amar ou odiar. Ese ser que de súpeto se converte nun intermediario entre lector e autor, que tanto pode acercar o entendemento entre ambos como a discrepancia máis feroz (e neste punto non lle confeso que teño por inimigos a autores con quen nunca crucei unha palabra). Pero antes de chegar a estes extremos, terás que lidar co volume a mente descuberta, e tantas outras veces armado de lapis e cuartillas onde anotar ideas e ditos que será obrigado comprobar e meditar. Mais, como queira que sexa, para tan delicado enfrontamento, antes de empezar a ardua batalla, o lector ha de escoller o lugar da contenda -di Xulio-, o campo da lide, como escollían os exércitos románticos, pelexando a campo aberto e cara a cara, sen máis testemuña nin escudo que as propias conviccións, o lector e o escritor, libro de por medio, combatendo ideoloxicamente, cedendo e avanzando, golpeando ou acariñando, arredado de ruídos e influencias que poidan obrigar a perder a atención, xa sexa no sofá de orelleiras do salón da casa, na hamaca do xardín ou nun lugar con amplas vistas ó horizonte para poder descansar a vista mentres se reflexiona a conclusión de cada capítulo.
Está claro que para Xulio, o único intelectual do noso parladoiro, ler é unha lide en que cada segundo e cada palabra proporciona un avance que anuncia prosperidade. O lector pode renderse desde a primeira páxina aceptando as propostas do autor, pero tamén pode modificar a propia opinión a medida que a lectura avanza, pode mesmo non encontrar nada que o convenza ou que lle aporte novidades, ou renderse e abandonar as teses expostas, como pode rematar a lectura condenando o libro ó ostracismo, pero, gane quen gañe -asegura Xulio-, o libro que convence ó lector ou o lector que non se convence co alí escrito, o final sempre será un paso cara adiante. Será unha batalla contra o tedio, contra a orde dada, contra o mandamento, a lei ou a obrigación. Ler é unha loita de superación que trata de contrastar opinións e deixarse convencer ou contraatacar deostádemete. Ler é un acto bélico sen armas, pero si con moita loita ideolóxica, suor e bágoas que nos permiten ser máis modestos e máis seguros de nós mesmos.
E ó final, digan o que digan, e venza quen venza, nesta batalla sempre ganan os dous bandos, o do lector e o do autor, asegura Xulio, quen non nos dixo que está lendo estes días para vir con estas ideas.