Outro magnífico petróglifo en Porto do Son

Manuel Mariño e Xoán Guitián

BARBANZA

CEDIDA

Un gravado dun cérvido foi descuberto recentemente na parroquia de Baroña

25 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O Barbanza non deixa de nos sorprender pola súa riqueza arqueolóxica, un extenso catálogo de castros, mámoas, petróglifos e xacementos medievais que medra co paso dos anos. Recentemente tivemos ocasión de coñecer un interesante petróglifo ata agora inédito, guiados polo seu descubridor, Ovidio Queiruga, presidente da Comunidade de Montes de Baroña. O gravado apareceu nun afloramento granítico, nun panel de escasa pendente nunha zona do monte coñecida como Ladeira da Pedra Follada.

Falamos da representación dun cervo macho dotado dunha impresionante cornamenta ramificada en aceptable estado de conservación. O conxunto da imaxe mide uns 80 centímetros de longo por un metro de alto, dos que máis de 40 centímetros corresponden aos dous grandes cornos, trazados formando un ángulo de 77 graos que rematan nos clásicos candeeiros de tres puntas. O resto das numerosas puntas secundarias ben aparecen dispostas en todos os casos cara ao interior. 

A representación do animal presenta evidentes desproporcións: un corpo excesivamente longo e estreito rematado nun pequeno rabo e un colo case tan ancho coma o propio corpo. Cun predominio case absoluto da liña recta. Outra desproporción evidente é a relativa ás dimensións da cornamenta en relación co tamaño do corpo, unha esaxeración sen dúbida intencionada coa que o gravador procuraría resaltar a masculinidade e o poder do macho. Tamén interesa chamar a atención sobre a utilización do que chamamos perspectiva biangular, unha «aberración» perspectiva que consiste en representar o corpo e a cabeza do animal en perfil absoluto e a cornamenta en visión frontal.

Representación das patas

Chama a atención o xeito pouco común de trazar as patas do animal. Mentres as traseiras  se representan mediante a prolongación dos cuartos traseiros cara abaixo ?xeito habitual na zona?, as patas dianteiras grávanse mediante dous trazos rectilíneos engadidos ao corpo, formando un ángulo con evidente intención de crear certa sensación de movemento. Presenta tamén una morfoloxía irregular e unha superficie rugosa, propia da percusión cunha ferramenta dura, probablemente lítica. Porén, o que fai deste petróglifo un gravado sorprendente é a súa localización. Atopouse a unha altitude de 492 metros sobre o nivel do mar, nunha campa desde a que se dominan visualmente a ría de Muros-Noia, o val do río Sieira e alá, ao lonxe, o mar de Corrubedo.

Trátase do gravado rupestre situado a maior altitude dos coñecidos no Son, e un dos máis altos do Barbanza, só comparable neste aspecto aos localizados na zona boirense do Iroite. 

A presenza deste animal confirma o enorme peso específico que os zoomorfos teñen no Barbanza, e en Porto do Son en particular, situándose ao redor dun 35%. Afortunadamente, os incendios forestais dos últimos anos semellan non lle ter afectado, pero a prudencia aconsella exercer un control da vexetación circundante, xa que en caso de lume, reduciría de xeito importante o impacto da calor sobre o gravado.

Este achado abre pois, polas súas características formais e especialmente pola súa localización en altitudes inusuais, novas perspectivas para o futuro da investigación da arte rupestre do Barbanza.