Confésome un drescreído da política. Hai tempo que non me convence nada que veña dos representantes públicos. Tiven a fortuna de vivir a democracia tecleando noticias desde unha vetusta máquina de escribir que me trouxo un tío meu que navegaba na Mercante, ata este pequeno portátil no que agora mesmo estou facendo a crónica. Nos primeiros anos, a política era emoción constante, decisións e procedementos nos que se palpaba entusiasmo, porque se vivía máis preto do cidadán e porque o votante cría nos políticos, nos seus representantes... ata que empezou a costa abaixo a base de prostituír o mandato popular para poñelo a disposición dos intereses de partido, cando non doutros máis espurios. Así foi como fun perdendo a fe neste sistema de goberno, que din que é o mellor, o que non significa que non teña defectos, ou interpretacións que se aplican en función dun determinado interese, case nunca o do administrado, por moito que nos vendan a moto.
Así que, hai un tempo, decidín pasarme ao voto útil para facerlle fronte á política inútil e cando toca ir á urna, non miro programas nin escoito promesas, vexo algún debate, iso si, pero só para gozar presenciando como se insultan e reprochan, cousa que nós, os da rúa, non o podemos facer con eles, porque xa se encargaron ben de acoutar as liberdades adecuadamente para impedírnolo.
Supoño que moitos ao ler voto útil pensarían que me refiro a iso que piden os grandes cando teñen a cousa apertada. Pois non. Para min o voto útil é aquel que axuda a que tanto un como a súa contorna nos sintamos representados, aínda que sexa cun só deputado. Voto útil é aquel que vai dirixido a un membro da candidatura que é quen de poñer en xaque a todo un goberno co fin de conseguir servizos para os seus veciños. Voto útil é converter en decisiva incluso a unha minoría que amedrente as decisións dunha maioría de rodillo.
Por primeira vez en non sei cantos anos, esta comarca non vai ter ningún representante no Congreso dos Deputados o que, en certa medida, converteu en inútiles os nosos votos; útiles para os partidos, iso si, pero inútiles para os barbanceses. Porque aínda que con ter só unha deputada como Rosana Pérez, moitas de «sus señorías» decatáronse de que hai unha pequena bisbarra no noroeste peninsular á que lle afectan gravemente decisións sen ter en conta singularidades. Por iso lamento que Carlos Callón non acadara un escano no Pazo de San Xerome, onde Barbanza quedou sen voz, e todo por discrepancias partidistas que racharon o nacionalismo. Agora, pasada a romaría, disque falan de ir xuntos ás eleccións galegas, pero o mal xa está feito, polo menos dende o interese en ter alguén na Cámara Baixa que se exprese co noso acento.