«Que ninguén se engane, a retirada da lei de acuicultura é só unha das moitas demandas»

BARBANZA

Tomás Fajardo, presidente da Federación Galega de Confrarías

25 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O presidente da Federación Galega de Confrarías, Tomás Fajardo, recalcaba onte que a convocatoria da manifestación mantense porque, entre outras cousas, foi acordada nunha xunta xeral e «tería que ser o mesmo órgano o que decidise dar marcha atrás». O tamén patrón maior de Porto do Son é rotundo ao manifestar que a protesta está motivada pola situación xeral do sector e subliñou: «Que ninguén se engane, a retirada da lei de acuicultura é só unha das moitas demandas»

-¿Como se chega a este momento de malestar xeral?

-Pola situación dos sectores pesqueiro e marisqueiro galegos. A retirada da lei de acuicultura é unha boa noticia, pero iso non nos vai frear. Hai un cúmulo de cousas que foron enchendo o vaso ata máis alá da súa capacidade. Por unha banda está o problema das cotas, das taxas que se impoñen aos profesionais, as dificultades polas que atravesa o colectivo de artes menores. Como Federación Galega fomos os que acordamos mobilizarnos, unirnos na defensa do sector do mar na comunidade. 

-Está claro que as relacións con Mar non son boas.

-Hai un distanciamento, e un exemplo disto é a forma na que se fraguou o anteproxecto de lei acuícola. Ten que haber un cambio de rumbo nas Administracións galega e estatal. As cousas deben facerse de outra maneira. Por exemplo, o modelo de cotas hai que cambialo. Hai países aos que lle sobra o tope que lle dan e a nós non nos chega. 

-Por primeira vez parece que todos os sectores do mar camiñan unidos, algo excepcional

-É certo que somos un colectivo moi atomizado, pero neste caso queremos amosar o noso descontento na rúa. Porque a forma de traballar das Administracións non resulta axeitada. Parece que están pensando «escuchado el sector, respondo como me da la gana». Hai moitas cousas que facer e mellorar.