Unha cuestión de actitude

francisco antonio vidal LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

19 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A grata sorpresa desta semana recibina co whatsapp dun veciño en tempada de vacacións e amigo a tempo completo que vive en Murcia, amosándome como a súa nena Alba, que aínda anda nas primeiras letras, é quen de ler un texto en galego coa mesma soltura que se fose na lingua en que se expresa a cotío cos seus compañeiros de escola e familiares levantinos. Ante isto, podemos dicir que a relación co idioma tamén é unha cuestión de actitude e moitas veces de mínimo esforzo. Xa os tíos da nena, que pasaron aquí un ano por razóns laborais, tiveron a ben apuntarse a pasantías para aprender o galego falado e escrito, de maneira que agora, cando nos comunicamos por e-mail, sempre o facemos en galego, e que conste que moito mellor que algún escrito de certos organismos oficiais que só usan a lingua vernácula por imposición da propaganda electoral.

E mentres tanto aquí, coa nosa sangría idiomática e esa vergoña encuberta que todos negamos, a ninguén se lle escapa que cada vello que morre é un falante menos e cada neno que nace tamén é un falante menos (de media, evidentemente). E isto non está de máis lembralo neste ano, cando se cumpren os cen da creación das Irmandades da Fala, precisamente no día en que Murguía, o Patriarca das Letras, celebraba os oitenta e tres do seu bautizo en Pastoriza (Arteixo), cando o seu padriño Manuel Antonio Pan recitou o Credo de corrido, pois doutro xeito, segundo é crenza xeral, o neno sairía tatexo, e ben sabemos todos que a lingua aguda ninguén lle gañaba.

As letras e a fala, que deberían ir unidas como as pernas con que andamos se unen ó corpo, pois son os piares do idioma, parece que se arredan durante a festa de maio, razón pola que tantas veces temos insistido (e seguiremos insistindo) en xuntalas nesas dúas emblemáticas datas: o dezasete e o dezaoito de maio. Mais eses dous piares non só se dan de costas en tal festa, senón tamén no día a día entre a xente da veciñanza, no súper ou no bus.

Nunha das bibliotecas que acostumo a visitar, a bibliotecaria contoume o caso dunha señora de oitenta anos (ano arriba ano abaixo) que lle pediu algo para ler, a ser posible unha historia romántica ou algo semellante. Á señora, peixeira durante máis de cincuenta anos, que sempre usou o galego como idioma de comunicación en todas as facetas da vida agás para falar co médico e contestar na misa e no Rosario, faltáballe actitude para levar nada en galego porque, segundo ela, non o entendía. Pero un día a bibliotecaria animouna a que o intentase cunha das súas recomendacións. Marchou a vella co bico torcido, e non pasara a semana cando volveu na procura doutro libro como aquel que era o que máis lle gustara de todo canto levaba lido. A preguntas da bibliotecaria a muller díxolle que aquela novela faláballe do que coñecía. Desde ese intre trocou a actitude que arrastraba desde non se sabe canto, porque entendeu que ademais de ler hai que entender, e que o idioma de cada un sempre fala do que se coñece, porque non só usa un vocabulario próximo, senón que as mesmas palabras cobran un significado que fóra de nós e do noso non se entende, como tampouco nós entendemos certos significados, xiros ou mesmo palabras que non nos son propias. Unha vez máis, a lóxica rebelouse para amosar a verdade contra o que aquela señora pensaba que era o idioma que mellor coñecía, só porque fora no que aprendera a ler por imposición legal.