Moitas veces teño escoitado que o respecto e o ambiente que hai entre todos os grupos políticos nos plenos de Ribeira é o mellor de toda a comarca, e que é difícil de igualar en calquera outro lugar; ambiente que reflexa claramente o que ocorre nas nosas rúas, exemplo de convivencia e boa veciñanza. Pode que algún poida pensar que iso é froito da casualidade, como casualidade sería que non só convivan con absoluta normalidade as diferentes ideoloxías políticas, senón tamén diferentes relixións, como a evanxélica, a musulmá ou a católica; diferentes etnias cunha perfecta integración entre nós (a xitana é un exemplo), ou persoas de nacionalidades tan distantes culturalmente como a marroquí e as dos países suramericanos, por poñer exemplos do que no noso pobo ocorre a cotío e que por moito que aquí nos poida sorprender non acontece en moitos máis lugares onde a división ou enfrontamento marca a súa convivencia.
Pois eu non creo que sexa froito da casualidade e si máis ben do acontecer da nosa historia, dos relatos dos nosos maiores, da educación que eles nos deron. Relatos que falaban de tempos de guerra e posguerra, onde, a diferenza doutros moitos lugares, os tristes casos de represaliados (algún, familiar meu, como Lustres Rivas) foron a excepción e a norma era a que falaba de como axudaran ou agocharan a tal ou a cal amigo ou familiar republicano como diciamos por aquí «por si acaso». Tempos dos que algún fala con «memoria histórica» como os máis duros do franquismo, e dos que a nós nos contaban como o alcalde de Ribeira, Don Miguel, construía vivendas sociais onde algún dos beneficiarios eran familias que poucos anos antes sufriran a perda dalgún dos seus membros pola terrible lacra que supuxo a represión, ou construía o grupo escolar onde estudaban eses fillos ou netos, ou repartían terras en Couso para poder traballala e aliviar a fame de moita xente, ou escoitabas como trataba por igual a ricos e pobres, poderosos ou non.
E seguimos crecendo, e chegou a transición, a democracia, e vivimos gobernos de todo signo, nos que participaron centristas, comunistas, nacionalistas, socialistas, populares, e os valores da convivencia seguiron sendo os mesmos. Anos nos que vimos a grandeza dun alcalde socialista que, seguramente moi ao seu pesar, mantivo nomes de rúas para non dividir ao pobo, sabendo que tarde ou cedo os nostálxicos irían desaparecendo e sería máis doado sacar o nome do ditador das nosa rúas, cousa que así aconteceu cos gobernos populares.
E cando críamos superado ese terrible pasado de hai máis de oitenta anos, apareceu unha «asociación» de memoria histórica, e por primeira vez facíanme perder a compostura logo de escoitar como un rapaz de pouco máis de vinte anos me cualificaba de «fascista», ou como acudían á Xustiza pedindo a retirada de todo o que acontecera antes de 1975. E non lle chegou que o xuíz dixera que non existía ningún indicio de incumprimento da Lei da Memoria Histórica e que afirmara na súa sentencia que Don Miguel ou Diego Delicado foran distinguidos polos seus veciños por ser benefactores da nosa cidade, senón que en vez de recorrer a sentencia recorreron aos grupos políticos municipais, sabedores da minoría deste alcalde.
E tampouco lle bastou aos grupos políticos que agora piden a retirada deses honores -BNG, Socialistas e Cidadáns- manifestar no pleno de xaneiro que coa retirada do nome da rúa 9 de Agosto (dedicándolla, ademais, ao último alcalde republicano, Pepe Fernández) daban por cumprida esa sentencia, senón que agora pretenden mudar ese acordo que con espírito de transición perseguía o entendemento, a concordia e poñer no mesmo lugar a uns e outros.
Pois ben, Ribeira é o que é porque convivimos desde nenos coa familia de Miguel Rodríguez, coa de Álvaro Landeira, Félix García, Ramón Abalo ou Ricardo Pérez, porque ningún deles nin nós tíñamos que baixar a mirada polo noso pasado. Como ribeirense sinto de corazón que a familia de Don Miguel teña que pasar por este trago 55 anos despois do seu pasamento, e só podo dicir pola memoria do seu fillo e gran amigo Miguel, que eu non vou manchar o nome do seu pai. O meu grupo vai seguir defendendo os seus honores e que non podo comprender, como moitos que se dixeron os seus amigos, que conviviron con el, que vestiron a mesma camiseta do seu equipo de fútbol sala, que comeron e beberon ao seu carón, lle poden estar facendo esta ignominia. E sabes por que, Miguel? Porque o recordo que o teu pai deixou entre os seus veciños desmonta esa «infantil» teoría de que había un bando no que todos eran malos, resentidos, violentos...
Por todo iso, mentres eu siga como alcalde non vou faltar ao compromiso de defender os valores que os nosos maiores nos transmitiron e que fixeron grande a Ribeira e aos ribeirenses: eses valores que unen, que nos abrazan, que nos seguen permitindo mirarnos os ollos, fronte a fronte.