O rexedor nega que aplique o rodillo diante da oposición e rexeita as críticas pola apertura da piscina
27 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Luis Oujo non anda con panos quentes e cando se lle pregunta pola nota que poría á xestión realizada polo seu goberno neste primeiro ano de mandato non dubida en darlle unha alta cualificación. Defende o traballo feito e felicítase por que están cumprindo co seu programa, pero asume que aínda hai moito camiño por diante a pesares dos logros dos que é evidente que se sente orgulloso.
-Deulle un 8 ao seu goberno durante este ano, ¿o balance podería ser máis positivo?
-É moi positivo. Levábamos un programa prudente, de acordo á situación económica e ao que demandan os veciños, que son servizos básicos, e estámolo cumprindo. Fomos capaces de sacar adiante proxectos importantes, coma o plan xeral ou a piscina, levamos o saneamento a 150 vivendas de Baroña, é un compromiso que tiñamos e xa está funcionando. Somos un concello que vive do mar e témolo que coidar, e nesa liña seguiremos. Agora vaise adxudicar a depuradora de Xuño e está redactado o proxecto da de Queiruga. O que nos queda por diante é levar o saneamento integral a todos os núcleos.
-O plan xeral era o gran obxectivo e está aprobado, ¿e agora que? ¿Quedaron sen retos?
-Ao contrario. Agora que se aprobou o PXOM é cando empeza o traballo de verdade para desenvolvelo. Coas anteriores normas subsidiarias quedámonos atrás e agora é cando temos que traballar para levar a Porto do Son a onde merece estar. O plan dá unhas garantías xurídicas, establece un crecemento sostible e ordenado do municipio, traza novas vías e sitúa o chan industrial, e agora hai que desenvolvelo.
-Algo que lle preocupa é a falta de oportunidades laborais en Porto do Son, ¿cre que o polígono industrial será a solución?
-O que temos que facer é facilitarlle as cousas ao sector empresarial e niso traballamos. Xa falamos con varios empresarios e hai unha demanda de chan industrial que anda nos 50.000 metros cadrados e iso é o que lle estamos demandando á Xunta, o que fagamos será co compromiso de desenvolver a actividade empresarial, o que non nos permitirían os cidadáns é facer outro recinto para que quede baleiro. Tamén estamos falando coa consellería para poñer ao chan un prezo acorde coa situación económica actual porque o queremos é que xente poida investir en Porto do Son, instalar as súas empresas e crear postos de traballo.
-Dende a oposición é recorrente a crítica de que aplica o rodillo da maioría absoluta...
-Baixo ningún concepto, o que pasa é que a oposición ten que se construtiva, non destrutiva. Nós facemos o que nos demandan os veciños para mellorar as súas condicións de vida, pero hai críticas a todo. Cando veñen e fan propostas aceptámolas, pero se é unha oposición destrutiva nós temos que seguir o noso camiño e cumprir o noso programa, podemos equivocarnos, pero intentamos facelo o mellor posible.