Enerxías alternativas

Francisco Ant. Vidal
Francisco Ant. Vidal LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

09 jun 2016 . Actualizado a las 12:30 h.

Algún día, os veciños de Arteixo estaban orgullosos de contar no seu concello con todo un símbolo do progreso. Era a cheminea da central térmica de Sabón, que producía electricidade queimando gasóleo. Logo viñeron as expropiacións de As Encrobas, e a central de Sabón só se acendía de cando en vez para que a maquinaria non se oxidase, pero ó lado, alguén quixo aproveitar a proximidade do mar para experimentar coa enerxía maremotriz, xa sabedes, aproveitando a forza das ondas que nesa zona nunca dormen, mais non debeu dar o resultado desexado, non sei se por falta de presuposto ou de ganas, que todo acabou enferruxado. Xa hai anos que non paso por alí, e o que vexo cando vou a Sabón é o muíño de vento de Inditex. Tampouco sei por que a esta lle sae a conto poñer un xerador particular e ó resto das empresas que hai na contorna non.

Vén isto a conto, porque hai uns días foi noticia que en Portugal funcionaron durante catro días só con enerxías alternativas, o cal significa que son viables e que poden ser unha boa solución cun pouco de esforzo, senón todos os días, ó menos uns días ó mes, alternando coa convencional, que algo é algo, aforraríase en produción e diminuiría o problema de emisións contaminantes. Daquela, o por que non se promove o seu uso fainos supoñer que só é por razóns crematísticas, que pesan moito máis nos petos das grandes compañías ca na facenda doméstica.

Tamén se fala das vantaxes que terían para a economía dos usuarios a instalación de placas solares nos tellados, que nos aforrarían un bo petisco na factura da luz. Pero o mercado non debe ser tan libre como nolo pintan e alguén que non coñezo non está por facilitar o labor.

Empresas cun alto nivel de emprego como Alcoa, están a punto de botar o peche coa desculpa de que a electricidade que necesitan é demasiado cara, cando teñen ó lado a Repsol, que hai uns anos anunciara a posibilidade de xerar electricidade cos gases sobrantes do refinado, suficiente para alimentar todo o alumeado público da cidade da Coruña (cando só había lámpadas de incandescencia) e aínda para o seu uso particular. Pero prefiren manter a chama no alto das chemineas mentres as grandes empresas se mudan a outros lugares.

Só pensar que a moitas aldeas non lle chegou a luz eléctrica ata finais do século pasado a pesar de sufrir as incomodidades dos grandes encoros, por un simple custo de transporte da mesma, debería facernos pensar por que non se facilita o uso de enerxías alternativas nos pequenos núcleos rurais, que poden aproveitar o vento, o sol e ata o zurro das cortes para xerar electricidade practicamente a costo cero, abaratando non só o prezo do litro de leite senón tamén fomentando a recuperación do rural, do que tanto nos lamentamos, un rural que só se explota para que os urbanitas fagan sendeirismo na fin de semana mentres o leite, a carne e as patacas veñan de máis aló dos Pirineos.