Luis Oujo: «A romería de Loreto sempre está marcada no calendario»

A. Parada

BARBANZA

MARCOS CREO

O rexedor sonense ensalzou a festividade do Carme como un momento de reencontro e unión dos veciños

08 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Os numerosos quilómetros de costa que bordean Porto do Son constitúen dende sempre unha vista que fai que os seus habitantes nunca esquezan o nexo que este concello mantén co mar. Quizáis por iso as festas que se celebran nestas datas co motivo da honra á virxe do Carme -patroa dos mariñeiros- sexan aceptadas practicamente por unanimidade como a gran cita festiva da vila e de todas as súas parroquias. O alcalde sonense, Luis Oujo, profundizou neste feito á vez que fixo un repaso das vindeiras xornadas.

-¿Que significa realmente para a poboación de Porto do Son a festividade da virxe do Carme?

-A xente do mar de Porto do Son involúcrase moitísimo, pero xa ven de antigo. Sempre nos preguntaban por que a festa da virxe do Carme é en setembro. Pois porque aí acababan a tempada os nosos mariñeiros e era cando aproveitaban para arranxar as redes e aparellos; e celebrar a festividade. Na actualidade, máis dun 80% dos habitantes de Porto do Son vive do mar.

-¿Cal foi a evolución desta cita nos últimos anos?

-Que chegase a contar con cinco xornadas. Dende que entramos en 2011, intentamos encher cada día o máximo posible. Temos que agradecerllo á comisión de festas que traballa arreo durante todo o ano. Agora parece que a situación económica mellorou, pero lembro que houbo un momento no que barallamos reducir os días. A xente de Porto do Son nunca o tería entendido ou nolo tería permitido.

-Dende logo esa posible baixada desapareceu ou polo menos botando unha mera ollada ao programa iso parece, ¿da gran batería de actividades cales lle gustaría destacar?

-Destacamos a propia festa do Carme, coa procesión marítima e a procesión en terra. E por suposto, o festivo local do 9 de novembro. A romaría de Loreto sempre está marcada no calendario. Trátase dunha festa familiar, campestre no que todos se reunen para xantar no campo. Ademais este ano temos unha boa previsión meteorolóxica.

-¿E haberá espazos para todos os públicos nesta festa?

-Por suposto, este ano temos dúas orquestras en cada xornada. Durante o día os nenos terán actividades como xincanas, pasarrúas, inchables ou a festa da espuma. Tamén está prevista no último día a festa do auga, na que os mozos van en grupo percorrendo as rúas, mentres a xente participa tamén poñéndoos a pingar dende as ventás e balcóns das súas casas.

-¿Acude moita xente á celebración cume de Porto do Son?

-Moitísima xente. É moi común que a os veciños que están fóra, por un motivo ou outro, collan as vacacións nestas datas para vir a gozar coa súa familia. Ademais acoden de todas as parroquias do concello, por exemplo en Queiruga hai moitos armadores e iso reflíctese despois na asistencia. Pero non só iso, tamén veñen visitantes doutros puntos da comarca como de zonas como Ribeira, Noia ou Lousame.

- ¿Algún consello para os que veñen de fóra, de cara a aparcar e aos horarios de chegada?

-O mellor é que se dirixan todos cedo á zona portuaria, onde estará a Policía Local e Protección Civil axudando a aparcar. E que participen en todas as actividades, claro.

-¿Cal é o mellor recordo que garda destas festas?

-A misa do Carme emocióname cada ano que baixamos en procesión ata o porto. Ver desfilar aos veciños e aos militares do EVA-10, sumado ás caras de alegría dos porteadores. Pero sobre todo, emociónome moitísimo cando tiran a coroa na honra de todos os falecidos de Porto do Son no mar.

Oujo abordou a dura preparación que supón esta festa FOTO