Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Os veciños de Nebra lembrarán os tráxicos sucesos de Cans polo seu centenario

Ribeira / La Voz

BARBANZA

MARCOS CREO

O BNG de Porto do Son e os familiares das vítimas queren conmemorar esta efeméride

06 oct 2016 . Actualizado a las 09:44 h.

O vindeiro día 12 cumpriranse cen anos dos tráxicos acontecementos ocorridos na ponte de Cans (Nebra), cando a concentración de 300 veciños por un embargo considerado inxusto rematou coa morte de cinco persoas a mans da Garda Civil. O BNG de Porto do Son e os familiares das vítimas queren conmemorar esta efeméride de xeito especial, polo que deseñaron un completo programa de actos.

Mesa redonda

Sábado • Local veciñal de Nebra • 18.00 horas • As actividades arrancarán este sábado coa proxección da curtametraxe Nebra, na que se recollen os feitos ocorridos en Cans no ano 1915. Está prevista a participación da directora, Marisa Otero. De seguido desenvolverase una mesa redonda baixo o tema Os acontecementos da ponte de Cans e a Galiza do 1916. Intervirán, entre outros, Uxío Breogán Diéguez e María Xosé Vázquez Lojo. A xornada pecharase cunha breve actuación musical e cunha exposición de recortes de prensa da época.

Misa, libro e ofrenda

Mércores • Igrexa de Santa María de Nebra • 11.00 horas • Local veciñal de Nebra • 17.00 horas • Os actos continuarán o vindeiro mércores pola mañá cunha misa en lembranza das vítimas: Rosa Cadórniga, Francisca Carou, Antonio Sobrado, Ramona Suárez e Xenerosa Vidal. Xa pola tarde, o local veciñal de Nebra volverá a cobrar vida da man de Manuel Mariño del Río, que presentará o libro Os tráxicos sucesos en Cans. Cen anos de lembranza. Estará arroupado por Xerardo Agrafoxo, de Barbantia, e pola deputada provincial Ánxela Franco. Os veciños desprazaranse despois ata a ponte de Cans para realizar unha ofrenda floral ao pé do monolito colocado en memoria dos falecidos. Está prevista a intervención de Francisco Calo, en representación das familias, e do historiador Francisco Leira.