Asegura que o novo cargo o colleu por sorpresa, pero xa está metido de cheo nas súas responsabilidades
25 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Ovidio Rodeiro Tato (Boqueixón, 1972) acaba de ser nomeado delegado territorial da Xunta para A Coruña. O político popular iniciouse no movemento asociativo xuvenil e foi durante seis anos director xeral de Xuventude. Tivo acta de concelleiro na súa vila, da que era alcalde desde o ano pasado tras acadar a maioría absoluta nas últimas municipais. Licenciado en Maxisterio, traballou no ámbito da formación e na atención a maiores.
-¿Contaba con este nomeamento?
-Foi de sorpresa, unha proposta coa que me sinto honrado de poder asumir esta responsabilidade.
-¿Xa se puxo ao día sobre os grandes retos da provincia?
-Estamos tendo unha primeira toma de contacto cos funcionarios e xefaturas territoriais. E xa estamos a darlle continuidade a algún dos temas que levaba o anterior delegado.
-¿Como chegou á política?
-Pois sen querer, porque non contaba. Sempre me gustou viaxar e no meu concello constituín unha asociación xuvenil de mobilidade internacional. Aí iniciei a miña participación pública. O tecido asociativo é a mellor escola de formación e de cidadanía. A partir de aí fóronme invitando a participar da política, e até aquí.
-Tamén pasou pola Xunta.
-Fun director xeral desde o 2009, aprobando a primeira lei de xuventude de Galicia, que non existía, e fixemos verdadeiros programas de participación xuvenil. A participación é fundamental, canta máis xente se implique en todo, máis acertaremos no futuro. Renovamos como nunca se renovou en España a política de mocidade dándolle un protagonismo especial a quen o ten que ter, os mozos.
-Vostede é do PP e nas principais cidades da provincia gobernan as mareas. ¿Como levará a relación cos seus representantes?
-Por parte da Xunta a liña é clara: non miramos ningunha cor, estamos para traballar e resolver os problemas de todos os cidadáns. Esa é a miña intención. Non hai que partir con prexuízos, traballarei da man cos concellos. E tentarei buscar sempre os puntos de encontro.
-¿Tivo xa contactos co goberno local de A Coruña?
-Aínda non pero será inmediato. Atopeime xa con outras entidades.
-¿Cales son os retos da Xunta na cidade e no resto da provincia nos vindeiros catro anos?
-Pois por exemplo executar a obra da intermodal, e tamén investimentos en educación. Temos o compromiso da conselleira de mellorar a planta de Nostián e moitas máis. A Xunta estará á altura das demandas que se produzan.