O rexedor sonense destacou os beneficios dunha carreira que congrega a máis de 2.000 atletas cada ano
28 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Cada ano en Porto do Son cítanse milleiros de amantes do deporte para acudir a unha das carreiras más concorridas de todo Galicia. Trátase da Sin Son 10K, que este ano cumpre a súa quinta edición. O alcalde sonense, Luis Oujo, e recoñecido deportista e analiza as claves do éxito desta proba anual.
-¿Cales son os factores que fan da Sin Son unha cita ineludible?
-O importante desta proba é que se trata dunha carreira en liña entre Porto do Son e Portosín. Primeiro facemos un pequeno circuíto urbano en Portosín e logo percorremos o recorrido entre os dous cascos urbanos pola costa. Esta proba e a de Vigo-Baiona son as únicas que transcorren pola beira do mar, algo que explica o interese da xente. A este factor hai que engadir a boa organización, eses pequenos detalles que marcan a diferenza.
-¿Cantos inscritos teñen confirmados nestes intres?
-Andamos sobre o 1.500 inscritos. Creo que chegaremos á cifra de 2.000 ou 2.500 de aquí ao 18 de decembro.
-¿Cómo se prepara un dispositivo de seguridade desta magnitude?
-Superamos cada ano o número de participantes, pero algo que queremos é que non se descontrole. Temos que cerrar a AC-550, polo que xa nos reunimos con Tráfico. Estamos moi agradecidos a Protección Civil, xa que acoden entre 60 e 70 membros de toda a comarca. Tamén hai que destacar o papel da Policía Local e de voluntarios como os do IES Porto do Son que nos axudan co avituallamento.
-¿Cales son os principais beneficios a destacar desta carreira?
-Porto do Son é coñecido por moitas cousas, pero unha dela é a Sin Son. A ela acoden persoas de todo Galicia, pero tamén de Portugal. En momentos difíciles para a hostalería como é o inverno supón un ingreso, hai restaurantes que teñen todo reservado para ese día dende hai un mes. Isto chega a outras vilas como Ribeira ou Noia. A Sin Son non só é boa para nós, senón para a comarca. Ademais, axuda a coñecer a localidade coa súa beleza e que despois regresen.
-¿Qué papel xoga a paisaxe?
-Se temos un día soleado, o feito de correr ao carón do mar, da nosa costa, iso é impagable. Os que acoden do interior sempre quedan abraiados.
-¿Esconde algo máis a Sin Son?
-O que significa a carreira: a felicidade, a xente que vamos a coñecer, os que portan unha mensaxe e promoven o deporte. Nestes días pódense ver a grupos de rapaces adestrando recreando o circuíto e tomando tempos, en vez de estar co móbil ou coa tableta. Iso é moi bonito.
-¿En que consistirá a Feira do Corredor?
-O día antes, tanto no casco urbano da vila como na Casa da Cultura, haberá tendas e charlas de carácter deportivo. Contaremos coa presenza do deportista Martín Fiz -atleta que rematou catro dos seis grandes maratóns mundiais- ao que lle poderán preguntar por temas como adestramentos ou nutrición. Ademais, xa se poderán recoller os dorsais para evitar facer cola. Trátase de que a xente pase toda a fin de semana na vila.
-¿Haberá seguimento por streaming nesta edición outra vez?
-A Concellería de Deportes está traballando niso e se a economía o permite o máis seguro é que si.
-¿Correrá vostede a carreira?
-Por suposto. A ver se son quén de facela en 50 minutos. Mais o importante non é correla rápido nin gañar, é estar coa xente.