Ultimamente estase poñendo de moda o de falar coa man diante da boca. Tanto a xente do goberno como os adestradores de fútbol colleron o costume de murmurar cos do lado tapando os beizos, e non precisamente pola halitose que poidan desprender, senón porque se volveron moi precavidos e moi desconfiados. Tal vez, máis ca por moda sexa por necesidade. A lección quedou aprendida despois de tantos micrófonos abertos e cámaras capaces de ler un mínimo movemento labial.
A man diante da boca é síntoma de que algo non se lle pode dicir a todos, un «que quede entre nós». Estoutro día, falando de política municipal na barra dun bar, notei como o meu interlocutor, de súpeto, baixou a voz e tapou a boca para seguir contándome certo chanchullo. E como se me facía case imposible entendelo con cinco dedos obstruíndo as ondas sonoras, inviteino a cambiar de taberna, para outra menos ruidosa; e entón, ó saír, un parente do alcalde apostado detrás de nós, medio en broma medio en serio soltounos a peor acusación que tivemos que escoitar ese día: «Non vos vaiades por min». Disimulamos como puidemos, e unha vez fóra e sen testemuñas, o precavido amigo púxome ó corrente do que non se pode falar segundo diante de quen, incluído o taberneiro.
E é que, realmente non hai liberdade de expresión. O simple feito de sospeitar que poidamos ser sinalados co dedo baixo a desconfianza de estar falando mal deste ou daquel, pola maneira de mirar ou de dicir é un síntoma ben claro da existencia de encasillamento social, o que me lembra a un rapaciño sen moitas luces, quen nos acusaba diante de quen fose e poñéndonos en verdadeiros apuros, de «ser dos outros» porque criticábamos ó goberno.
Hai anos que aprendemos a medir as palabras trocando o que se quere dicir polo que se quere oír. O primeiro a saber é con quen vas falar, para que non che considere dos outros, porque ser dos outros é ser dos inimigos, e ós inimigos non é que non se lles dea pan nin auga, é que aínda se lles quita o que poidan ter. Vímolo con aqueles tipos alcumados da cella, que por ser dos outros provocaron tanta ira ministerial que o mundo da cultura, fose de usuarios ou de operarios, sumiuse na peor etapa cultural dos últimos anos, coa subida do IVE, co retiro de subvencións e ata gravando ós xubilados cando escriben algún artigo. Silenciouse a discrepancia para bombardearnos coa mediocridade dos ben vendidos e mellor adulados, con ese retorno ó consumo polo consumo do amigo fiel e do favor correspondido. Porque din que non hai censura pero hai amigos.
Non basta falar con sentidiño, hai que facelo coa man diante da boca aínda que nos dean arcadas, coma cando non queren que oiamos algunha trapallada. Só se saca a man de diante da boca, para que se escoite o que queremos e nos gratifiquen cun «así se fai». Porque ese tamén é o espírito de supervivencia nun mundo de odios e vinganzas tan propenso a acusar a calquera de ser dos outros.
Por se acaso, mañá irei á misa de doce e dareille a paz ó señor concelleiro, ó señor cura párroco e a algunha veciña que me mira con malos ollos desde que deixei barba.