
Ten máis dun cento de alumnos nos seus obradoiros e imparte clases na UNED Sénior
08 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Ás veces, aquilo que parece máis sinxelo, ao que menos importancia se lle concede nun primeiro momento, pode chegar a ser crucial na vida dunha persoa. Sábeo ben Socorro Vázquez. Algo tan simple como a calceta propiciou hai anos que esquivara a ameaza de depresión que a roldaba e agora, aproveitando que se trata dunha actividade en auxe, tenta axudar a persoas que teñen algún problema ou que só buscan ter un punto de encontro no que conversar e intercambiar opinións. Asegura que as clases que imparte teñen moitos máis obxectivos que confeccionar prendas de fío, por iso as denomina lanoterapia.
Socorro Vázquez fíxose amiga das agullas e do fío hai unhas tres décadas. Casou nova e foise vivir ao País Vasco, un territorio no que non coñecía a ninguén: «Víame soa alí e tiven que buscar unha actividade que me axudara. Empecei a tecer e comprobei que esta tarefa enchía as horas de soidade». Darlle forma a bufandas, gorros ou chaquetas foi para esta veciña de Lousame unha terapia que hai un ano quixo compartir. En xaneiro do 2016 presentouse no departamento municipal de Cultura e expúxolle a posibilidade de impartir clases de lanoterapia no municipio. Empezou cun pequeno grupo de mulleres que pouco a pouco foi medrando e, a día de hoxe, ten un cento de alumnas distribuídas por diferentes aldeas.
Como o boca a boca aínda funciona moi ben en Barbanza, Socorro Vázquez non tardou en recibir chamadas desde Boiro, Porto do Son e Portosín para poñer en marcha clases de calceta. Mesmo foi reclamada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para impartir obradoiros máis alá das fronteiras de Barbanza. Entre os seus aplicados alumnos hai tamén tres colectivos de estudantes do colexio da Silva. A lousamiana é incapaz de ocultar a súa satisfacción: «Hai xente que me comenta que espera ansiosa a chegada do día da clase e que as dúas horas non lle chegan a nada. Iso é o que me fai feliz».
Salto á universidade
Consciente da axuda que supón para moitos a lanoterapia, mesmo se ofreceu para impartir clases na Cruz Vermella de Noia, onde ten unha ducia de aprendices. Aínda que acode a cada un destes obradoiros coa mesma ilusión e coas mesmas gañas, recoñece que se sentiu sorprendida e tremendamente orgullosa do esforzo realizado cando recibiu a chamada da UNED Sénior de Lousame, que ten como finalidade formar a maiores de 50 anos: «Foi Carme Freire -unha das impulsoras desta actividade educativa- a que me trasladou a proposta e a que se empeñou en incluír a lanoterapia no plan de estudos. Eu estou, claro está, encantada».
Confesa que non hai segredos para realizar un bo tecido: «A mellor alumna é a persoa que máis paciencia ten, aínda que o bo do punto é que se algo sae mal, sempre podes tirar do fío e volver a empezar». A pesares do auxe que ten agora a lanoterapia, é consciente de que pode ser unha moda pasaxeira: «Este ano foi moi intenso e nunca pensei chegar tan lonxe, así que penso gozar disto mentres dure; ao fin e ao cabo, todo remata algún día».
Está convencida de que o seu éxito radica en que soubo chegar ás mulleres do rural: «Desde un principio establecín horarios flexibles, en función da demanda, e achegueime aos lugares de residencia das interesadas. As mulleres teñen moitas dificultades para conciliar e moitas non conducen, polo que é fundamental ir a onde están elas». Fala en feminino porque, polo de agora, os únicos homes que acoden ás súas clases son algúns nenos do colexio da Silva, aínda que lle gustaría rachar esta barreira: «Polos nenos sei que hai homes que tamén tecen nas súas casas e anímoos a participaren nos obradoiros, pois tamén a eles lles pode axudar esta terapia».