Está moi ben que o retrato de Rosalía vaia estampado na popa dun avión de Norwegian. Pero non me cadra. ¿Que conseguen ou pretenden? Pode quedar moi bonito, e ata pode haber quen o considere un acto de recoñecemento galeguista universal, pero se o pensamos ben ¿cantos van fixarse nesa foto trucada nun avión estacionado ou a tres mil metros de altura? Non me imaxino ós turistas nin ós executivos pararse a preguntar quen é esa señora. E se realmente queren homenaxear a Rosalía e a todo o que ela significa, saíalles máis barato e chegarían a moita máis xente poñendo uns poemas da nosa autora nas revistas de abordo. Con tan só tres poemas cada mes podían editar todos os Cantares galegos ó cabo dun ano. E, sen dúbida, farían moito máis por Rosalía, pola literatura e pola economía de aeroliña.
Pero como son moi mal pensado e sei que estes de mercadotecnia das aeroliñas non dan puntada sen nó, pregúntome se non será esta unha campaña para quedar ben cos galegos mentres desprezan ós mariñeiros que traballaron en Noruega durante os máis frutíferos anos das súas vidas, negándolles o dereito indiscutible a ter un subsidio.
Agora mesmo o conflito entre Galicia e Noruega é algo tan prosaico como a falta de recoñecemento a oito mil galegos (12 mil españois) que foron chamados para tripular os buques noruegueses, que cotizaron o pertinente durante anos, que fixeron da mariña norueguesa unha das máis grandes do mundo e agora, cando chegan á xubilación, padecen esta discriminación por razón de orixe, simplemente porque a diplomacia nunca quixo, con aleivosa mala intención, asinar un convenio bilateral entre os dous países.
Non quero crer que o retrato de Rosalía funcione aquí como aqueles pósteres que cubrían as paredes das habitacións para tapar os rachóns do cal e as humidades que ían podrecendo a casa vella e en proceso de abandono. Pero é un feito que dos impostos pagados na súa vida laboral estes mariñeiros non recibiron nada a cambio, nin escola, nin medicina, nin asistencia xurídica contra quen viola os seus dereitos cunha artimaña que ninguén entende, cando din que os seus barcos no océano non son extensión do país e que polo tanto os días traballados abordo non son días en territorio nacional, aínda que si o eran para cotizar o IRPF coma calquera residente. E iso só significa unha cousa: que lles cobraron por traballar. Nin os piratas argallan tal.
Non imos entrar en si tiveron que sufrir naufraxios, frío polar ou noites de insomnio, pero si debemos lembrarlles que a súa mariña, manexada por galegos, acadou os cumes do beneficio comercial. E agora aquí andan os nosos veciños, reclamando xustiza baixo unhas normas que ralentizan o proceso, pelexando contra o tempo, indo de xulgado en xulgado, aquí e aló, pagando as costas dos seus propios petos, sen máis axuda que o apoio anímico da sociedade, cando a cousa se aceleraría se o goberno español, para protexer ós seus cidadáns, tivese a ben, se dignase ou se atrevese a dar a cara por eles poñendo unha demanda contra Noruega, o que permitiría chegar directamente á corte de Estrasburgo, onde as posibilidades de éxito son maiores.
Estamos orgullosos de Rosalía, da que nos lembrou como por buscar a vida noutros eidos aquí ficaban nais que non teñen fillos e fillos que non teñen pais. Da Rosalía que hoxe tería que cantar aquilo de Noruegueses de Noruega, tratade ben ós galegos. Agora só falta saber quen lles vai dar as grazas por tan fermosa estampa rosaliana e quen pedirlles contas dun acto tan degradante.