lingua proletaria francisco ant. vidal
Un retrato é algo máis ca calcar unha imaxe. A expresión do retratado, o entorno, a relación entre as personaxes dentro dun grupo, fala máis deles ca se lle saen as engurras da idade ou as olleiras dunha noite de esmorga. E se o retrato é para testemuñar un feito histórico, non se pode limitar a ser unha instantánea sen máis, necesita desas outras formas e xestos que o engalanan. Tampouco unha foto de familia é só un grupo de persoas de distintas idades unidas por un lazo sanguíneo. Así o entenderon Velázquez e Goya indo algo máis aló ca amosarnos simplemente as faccións.
Tal vez, a pesar da época, sexan eses dous pintores quen acadaron a maior expresión de democracia da pintura española, por facer cadros nos que, ademais de impor o seu gusto e o seu criterio, deixan claro que a familia é máis extensa ca unha simple relación de consanguinidade. Velázquez, por exemplo, converte en personaxes principais da súa obra a aqueles serventes ou bufóns que rodean á princesiña Margarida, mentres que os reis aparecen desdebuxados, no reflexo dun espello, pero, por se non bastaba isto, o mesmo pintor, un obreiro manual, ponse alí, ó lado da realeza e en primeiro plano, traballando, como o resto dos criados que enchen a escena. E non creo que se atrevese a facelo así porque o rei fose un pasmado.
Pero, por se nos parece demasiado ousado este pintor, Goya non se queda curto. Retrata á familia perfectamente ordenada, pero sen facerlle concesións de ningún tipo. Alí está unha vella con cancro de pel e unha raíña desdentada, e aínda, por non saber con quen ía casar o príncipe herdeiro, retrata á futura coa cara virada. Pero tamén Goya, sen rubor, se inclúe no grupo familiar. E tampouco creo que o fixese así porque o rei fose un xoiniñas.
Creo que o feito ese de incluírse o pintor no retrato da familia, é un valor a destacar, non só polo atrevemento, senón tamén polo consentimento de quen paga o retrato, e é unha das marcas de identidade dos retratos de familia da realeza española, unha aposta democrática que Antonio López non se atreveu ou non quixo continuar, precisamente co monarca a quen adulamos como o máis democrático da historia.
É evidente que ó dicir isto non lle estou quitando méritos a un pintor que demostrou a súa mestría en multitude de ocasións, e de quen xa estamos seguros que pasará á historia da pintura como un dos grandes de todos os tempos, senón resaltando certo fondo ideolóxico seu, pois non parece que se esforce por amosar no seu cadro-retrato da familia real o que nos din que ela significa ou pretende significar como feito histórico. Primeiro porque os amosa como uns seres illados, como un núcleo arredado e evitando ó resto das persoas do seu día a día. Porque o cadro é un simple retrato, sen fondo, sen claves nin atributos. Porque as cores son demasiado frías. E sobre todo, porque o sentido de democracia aquí non existe; o mesmo pintor non se atreveu a continuar a liña de Goya e Velázquez, de pórse á altura da realeza. Que seguramente é iso o que quería transmitir: que non está na mesma liña (ética nin estética) cós retratados, que cada personaxe vai por separado, con leves contactos forzados, sen unidade entre eles, case sen familiaridade, sen ganchetes ou miradas que os fagan máis campechanos, que é o título que a nivel popular se gañaron. En fin, que este cadro préstase a moitas interpretacións, e no devir da historia, tamén por el xulgaremos ós retratados.