Vinte contra un e ganou o un por goleada. Nada de cambio climático e toda a protección para as súas empresas. Igual ca con aquel amigo da nosa infancia, que por ser dono do balón escollía xogadores, era o adestrador de propios e contrarios e o único árbitro con decisións inapelables, o señor Trump impón as súas regras e todos se axeonllan. A pasada reunión do G-20 foi todo un atraso nas pretensións que din ter, de mellorar a habitabilidade do planeta.
Estaban falando os amigos do parladoiro desa xuntanza dos países ricos, e polo que eles dicían volvín a ter a sensación de que o país que vai por aí enarborando a bandeira da democracia é o máis ditador do mundo, obrigando a todos a acatar os seus ditames. Don Donald decide quen xoga e quen non, a quen lle hai que dar unhas labazadas e a quen se relega a simple observador. Como el di, o seu é o primeiro, e non está mal, desde o punto de vista dos seus. Quen nos dera a nós que os nosos tivesen ese poder de convicción e esa decisión á hora de defendernos, pero o caso é que os nosos calan, pásanlle a man polo lombo para que lles deixe darlle unhas patadiñas ó balón que porta debaixo do brazo e xustifican os seus caprichos de neno consentido con aquilo de que aínda puido ser peor.
Os amigos do parladoiro falaban de todo isto e a miña mente estaba no meu barrio, onde os negocios pechados e co letreiro de «Traspásase», «Véndese»” ou «Alúgase» foron reconvertidos en niños de ratas, mentres nos arrabaldes da cidade medran os grandes almacéns rexidos por multinacionais onde, ata o barbeiro do baixo do meu edificio foi mercar os mobles de do it yourself (así, en imperativo) cando tivo que renovar o mobiliario herdado de seu pai. E a todo isto, a moblería da esquina, con trinta carpinteiros que hoxe agardan a súa oportunidade nas portas do INEM, capaz de deseñarche unha habitación en vinte minutos e amoblarcha antes dun mes, reciclouse en tenda de mesas de plástico, atendida por dous rapaces que estudaron toda unha carreira de empresariais. E nós baixando a orella mentres don Donald proclama con descaro e sen respecto polos demais «América primeiro».
Pensabamos que os acordos acadados con anterioridade (hai tan só dous anos) eran de obrigado cumprimento, pero non. O papel é o material máis vulnerable de cantos inventou a humanidade. Quedou claro, para quen non o tiña xa, que antes que as persoas está a riqueza, e as decisións que nos afectan non as dita Rajoy, Merkel ou calquera outro europeo, senón o inquilino da Casa Branca.
Por iso Xulio, sempre tan rariño, trouxo un impreso preparado no seu ordenador solicitándonos a sinatura para pedir que nos permitan votar nas eleccións americanas. Non sei que tal percorrido terá a tal proposta, o texto que el argallou dicía algo así como que, en vista de que a opinión dos cidadáns europeos non ten valor diante dos decretos, leis e ordes emanadas de Washington, os asinantes piden que non se volvan a malgastar os diñeiros públicos en procesos electorais a nivel rexional, estatal ou continental, e que se nos permita votar en USA, onde realmente o noso voto pode servir para algo, antes de que o señor Trump se erdoganice.
De momento xa hai recollidas cincuenta sinaturas. A miña entre elas.