A cor do diñeiro

 francisco ant. vidal LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

27 may 2017 . Actualizado a las 12:03 h.

Pregunteille ó director do banco dos meus aforros que é o diñeiro negro, e en vez de contestarme preguntoume canto necesitaba branquear. E esa pregunta, que debería ofenderme, fíxome anchear o peito, porque como todos sabedes ter diñeiro negro é un luxo reservado á flor e nata da sociedade, algo negado a quen non é máis ca un simple obreiro que nunca ten nada que corrixir no borrador da declaración de renda.

Ó máis que cheguei coas miñas preguntas foi saber que negro é o que non se ve e que a cor só é un efecto óptico. Así, a relación entre a lonxitude de onda da cor dos billetes de uso legal e o seu valor non garda ningún tipo de relación, pois por exemplo, mentres un billete de 5 euros, segundo a tal medida, está máis próximo ó de 500 có de 10, os billetes verdes corresponden ó medio e medio do espectro. Nada que ver co seu valor real. Tampouco gardan unha proporción matemática co peso ou co tamaño. Co que, por non cumprir as leis da lóxica, os billetes son anárquicos.

E a cor negra, sen lonxitude de onda coñecida, resulta que é quen lle dá maior valor ó diñeiro. Din algúns que ter diñeiro negro non é bo. Pero iso só o di quen non o ten, ou quen non sabe que cada certo tempo, para lavar conciencias, hai unha amnistía dirixida ós arrepentidos (grupo maiormente raro e escaso) invitándoos a branquealo. A cousa funciona da maneira máis simple e eficaz coñecida, primeiro acumúlase, e cando a amnistía chega, se convén ben e se non queda para outra porque aínda que non se ve, o diñeiro negro nunca perde propiedades. De feito, esta é a cor monetaria que máis abunda e tamén a máis apreciada por ter un poder único, digno de estudiar na física cosmolóxica pola súa semellanza cos furados negros, pois aínda sendo invisible maniféstase no universo bolsista cun sorprendente poder de atracción sobre todos os obxectos, persoas e animais que o rodean. Calquera observador pode intuír a súa presenza tan só polos movementos raros, atraccións insólitas, resplandores sorprendentes e silencios absolutos que se producen na súa proximidade.

E a pesares de que a súa maneira de manifestarse é tan doada, os funcionarios dedicados a descubrilo poucas veces se decatan da súa presenza, correndo o risco de ser aducidos por el (moitas veces anceio procurado). Por iso lle recomendo ó ministerio correspondente a distribución entre o seu persoal de manuais de Stephen Hawking, como axuda para detectalo doadamente. A saber, ademais da grande forza gravitacional, capaz de dobrar e dobregar ó máis puro e recto raio de luz, ata facernos ver estrelas onde nunca existiron, pode atraer máis diñeiro, branco, negro ou amarelo co fin de engrosar esa enorme bola escura que sen verse sempre se rodea de múltiples luces que refulxen como estrelas, ás que vai atraendo cun movemento en forma de traxectoria espiral, un quero non quero ata alcanzar o que os entendidos chaman o «horizonte de sucesos», onde pode pasar de todo, desde alargarse o billete ata proporcións impensables ou trocar o concepto de tempo convertendo en mozo de 20 anos a un vello caduco (raras veces ó revés). E a medida que entran no seu círculo de atracción, ata o máis brillante sol se escurece pasando a engrosar a masa e a forza gravitacional dese núcleo que atrae de forma exponencial máis estrelas, planetas, satélites e cometas ata chupar a todo un universo que se lle poña diante. Só é cuestión de tempo.