A química do ánimo

BARBANZA

17 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

MATALOBOS

Quen non se sentiu algunha vez feliz en plena soidade, sen máis ocupación que a contemplación, iso que alguén chamou «o marabilloso paspar»?. Sen embargo, a soidade prolongada xa non é o mesmo. Das enfermidades psíquicas asociadas a persoas solitarias temos moitos exemplos coñecidos, de silandeiros e recluídos, taciturnos, apoucados, mal pensados e todas esas doenzas que non sangran pero acaman.

A farmacia contra eses males sempre estivo nos rueiros, nos parladoiros, nos bares e nas tabernas, neses lugares de encontro, nas mesmas asociacións veciñais que fomentan o contacto entre as persoas, porque está demostrado que compartindo penas e alegrías, se non se curan todos os males, ó menos non doen tanto. Comprobeino na praia, onde un amigo coa cicatriz dunha operación pintada de Betadine se animou a patear un balón. El dicía que era o sol ou a brisa mariña quen o animaba, pero eu estou seguro de que era a compaña, a relación de grupo, o arroupamento da manada (e perdoen a palabra), esa procura de amigos que levamos gravada nos xenes desde que o mundo é mundo, iso que nos fai ser animais gregarios; e aínda que necesitemos, de vez en cando, deses momentos de soidade que dicía antes, tamén necesitamos compartir e sentir a proximidade dos demais para sentirnos ben, para reforzar o sentimento de felicidade, pero tamén para aliviar as penas, para facelas máis levadeiras.

Nesas mesmas frases feitas, que por tan usadas semellan carentes de significado, cando animamos a un enfermo «isto non é nada, logo pasa», ou de consolo a un doído «síntoo moito, ánimo», procúrase precisamente aportar esa mostra de proximidade, de que non se está só coa dor neste val de bágoas que dicía o noso paisano Pedro de Mezonzo. O mesmo neno que chora, cando se acubilla nun cornecho, faino coa esperanza de que alguén vaia consolalo. Fai máis pola saúde un cursiño de palilleiras, unha partida de brisca ou unha discusión de se é mellor o Celta ou o Depor ca todas as caixas de Prozac que poida receitar un ambulatorio.

E a ciencia, unha vez máis, demóstranos que os mecanismo destes sentimentos están na bioquímica que nos soporta e corrobora o que a experiencia empírica nos ensinou, tal e como nos acaban de facer saber uns investigadores californianos que se dedicaron a comparar o xenoma de varias persoas que se sentían illadas co de outras ben relacionadas e encontraron que nas solitarias aumentaba o risco de enfermidades inflamatorias e diminuía a resposta antiviral, ou que as mesmas feridas tardan máis en cicatrizar entre os solitarios. Seguiron investigando e descubriron que non fan falta pastillas para regular o mecanismo corporal, que hai enlaces celulares que segundo o estado de ánimo actívanse máis ou menos para loitar contra as infeccións. Uns enlaces que naquelas persoas dadas á soidade se bloquean e son a causa da falta ou da demora dunha cura.

De todo isto, os investigadores conclúen cousas tan tristes como que o corpo está programado para alcanzar coa soidade e a infelicidade que trae a ancianidade, unha especie de deterioro xeral que se acelera ata a morte, ou que os estados de estrés acompañados de soidade activan esas células causantes do malestar físico, mentres que o benestar axuda na lonxevidade. Así, aínda que sabemos que hai drogas contra a soidade como as hai contra o catarro, eu sigo preferindo o meu parladoiro de cada xoves ou a partida de brisca de cada tarde para sentirme ben.