lingua proletaria francisco ant. vidal
Iso de que coa chegada do verán se enchen os parques, as rúas e as praias de deportistas, non o teño moi claro, porque, ó menos no parque ó que vou, só vexo catro matados correndo e a inmensa maioría dos alí presentes sentados ou tombados no céspede, a ser posible onde haxa unha sombra. En calquera praia, na relación «activos Vs. deitados», gañan estes últimos por maioría, en número de elementos e en cantidade de tempo. Como moito, de nadar dan un par de brazadas e xa volven para tombarse ó sol. E nos bares con terraza as mesas están ocupadas por calóricas bebidas azucradas e copas de xeado. Dicíase hai anos que o home do futuro ía ser un tipo cabezón, pola necesidade de cerebro que necesitaría. Eu creo que vai camiño de ser rechoncho pola acumulación dun excedente de enerxía que non dá gastado.
Advírtennos cada pouco, que imos cara unha sociedade de bazunchos criados desde a adolescencia, esa idade en que por necesidades biolóxicas se demanda unha maior actividade, porque aquel gasto de adrenalina en xogos que ensinan a competir e non a vencer, como a billarda, a queda, ou o pano, agora déronlle paso á Play Station, nun afán por machucar pixelados inimigos, con casas e pontes incluídas, sen moverse do sofá, mentres entreteñen a boca con todo tipo de froitos secos e salgados, sen esquecer as bebidas doces, cando noutro tempo nos bastaba poñerlle a boca á billa da fonte. Iso é o preocupante para calquera pai que de tal se prece, que onde antes había de pelexar por aportar o necesario combustible para a demanda enerxética do cativo, agora ha de limitar a acumulación calórica. Que despois de toda unha mañá sentado a un pupitre que malamente cumpre coas condicións ergonómicas mínimas, aínda obrigan ós rapaces a permanecer en inactividade física durante unha tarde enteira de música, informática ou inglés, porque a escola non lle basta ó pobre adolescente. E chegan as vacacións e os corpos non están por sufrir suores desacostumados, e limítanse a aplicar a lei do mínimo esforzo e alto aforro enerxético en chancletas e con toalla, con atractiva roupa deportiva pero pouco deporte.
O problema transcende da clase paterna e materna ata o paternalismo estatal, polo que se fixo necesario un recente estudio co fin de ver como habería que afrontalo, cando os sisudos analistas do tema comprobaron que unha alta porcentaxe de mozos (non todos, por sorte) teñen a mesma actividade física dun señor de 60, ou que só hai un pequeno aumento de exercicio físico despois dos 20 e ata os 40 para lucir camiseta, que se compensa cunha cervexiña que máis ca calmar a sede bota por terra todo o que se fixo durante a hora ou hora e media semanal perdida no ximnasio. Preocupa, cando se toma conciencia de que esa paciente acumulación calórica á que nos estamos acostumando, só contribúe a que as lipidosas nádegas non caiban nun asento de transporte público, que o gasto sanitario por enfermidades coronarias se dispare, que aumente o risco de padecementos de larga cura derivados de obesidades azucradas, así como os reumatismos prematuros por mor do alto peso que os ósos non son quen de soportar.
Tal vez non estaría de máis que as comisións de festa das nosas vilas, programasen a recuperación dos xogos tradicionais, alomenos para sacar ós mozos de encima das toallas ou de diante das pantallas.