«Paganinis»

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

marcos creo

«Parece un pouco absurdo que para nos relacionar cos que mantemos cos nosos impostos teñamos que pagar»

20 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Otermo paganini non ten nada que ver co prestixioso violinista italiano nin coa marca de conservas envasadas en Bueu. Coloquialmente, dise da persoa que paga os gastos alleos por inxenuidade. En España somos todos algo paganinis, xa que consentimos que o Estado nos cobre gastos que non debería. Afastemos ese tópico de que neste país se pagan poucos impostos, moi ao contrario temos as taxas impositivas máis altas, e despois vánsenos os cartos en cousas que deben ser gratis.

Non entendo por que temos que pagar servizos públicos obrigatorios como o DNI, un documento acreditativo de empadroamento, impresos de facenda, e moitas cousas máis. Se é obrigatorio, que non nolo cobren. Pero o que máis me rebenta é que teñamos que pagar xestores para relacionarnos coa Administración, porque antes da dixitalización imposta podías achegarte a calquera oficina pública cun documento escrito por ti e tíñancho que aceptar, e para comunicarche algo mandábancho á casa en papel.

Agora que non o mandan en papel non baixaron impostos, cando aforran en papel e selos de correos, temos que ter obrigatoriamente un correo electrónico, recibir e aceptar ou entrar na sede dixital, e moitas veces unha gran parte da poboación precisa pagarlle a unha xestoría para facer o traballo de recepción, porque a relación dixital non está pensada para todos os públicos. Parece un pouco absurdo que para nos relacionar cos que mantemos cos nosos impostos teñamos que pagar. Parece mentira que non sexa todo máis doado e directo, sen ter que perder o tempo nestas cousas. Pero o pobo está calado e asinte.