SATE

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

Vista del incendio en un edificio del barrio de Campanar, en Valencia.
Vista del incendio en un edificio del barrio de Campanar, en Valencia. Eduardo Manzana | EUROPAPRESS

Un recurso utilizado masivamente nas nosas cidades para illar termicamente vellos inmobles

19 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Émotivo de debate, dende o incendio do edificio en Campanar (Valencia) o de revestir exteriormente os edificios con materiais illantes, e aínda que non era o material dese edificio, está sendo moi cuestionado xeralmente polos que confunden este revestimento co do edificio calcinado. O SATE é acrónimo de sistema de illamento térmico exterior, un recurso utilizado masivamente nas nosas cidades para illar termicamente vellos inmobles, un sistema que non quita espazo interior e que semella a enfundar o edificio como dun abrigo se tratase. Un sistema moi efectivo que permitirá aforrar moitos cartos en calefacción e mellorar as condicións de confort interior das vellas vivendas. Pero non sirve para todos os edificios, sempre que o vexamos dende o punto de vista patrimonial, e mesmo xa está sendo prohibido en moitos barrios históricos.

Envolver todas as construcións das cidades é perder o sentido da historia, homoxeneizar o conxunto e facer lugares tristes, pero hai compoñentes patrimoniais que non deben ser envoltos por un SATE. Imaxinen un edificio de Gaudí ao que lle poñen unha envolvente exterior vulgar, imaxinen edificios racionalistas ou modernistas, que forman parte da historia do urbanismo, envoltos polo mesmo abrigo. Imaxinen un edificio con molduras, frisos, cornixas ou esculturas, que baixo a bandeira da descarbonización se ve tapado por unha pel homoxénea.

O problema é o de sempre: case todo o patrimonio urbanístico carece da protección legal necesaria para impedir que alguén meta as poutas nel e arruíne a secuencia histórica. Non podemos uniformar as cidades.