A irisación policromada

Eme Cartea RIBEIRA

BARBANZA

CEDIDA

26 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende as primeirísimas vidreiras da Catedral alemá de Augesburg, pasando por Chartres, a Sainte-Chapelle ou León, chegamos á moderna galería ribeirense de Goretti Bello, que é obradoiro e vitrina aberta á contemplación e ao abraio.

Estamos a falar dunha artista viaxada e sabida, que percorreu o mundo extraendo a quintaesencia da beleza e da arte para, finalmente, arribar chea de mar e sabedoría ás nosas costas, amarre e ventá aberta a posibles singraduras futuras.

Goretti é unha vitralista pintora e escultora que modela a luz e a cor e xoga coa iridescencia do vidro, como elemento fundamental na súa obra. Son «cadros» escultóricos que, coa tensión e a paleta do arco iris, son quen de transformar a visión da contorna e emparentarse coas técnicas posimpresionistas da escola de Pont-Aven, na que sobresae o «sintetista» Paul Gauguin, moi preocupado pola pureza estética tanto da liña coma da cor e das formas: cores planas e perfís de contornas escuras en silueta, carentes da perspectiva clásica. Ex. canónico, O Cristo amarelo (1889) no que se aprecia esa descontinuidade de cores propia do modernismo, e hoxe en día presente nos cómics e nos debuxos animados.

Nos seus «lenzos» dialogan magnitudes espazo-temporais distantes e distintas, e mesmo confrontadas, comunicadas por unha especie de túnel temporal que nos insire no límite impreciso e «vidroso» de dous mundos, inadecuados entre si: o Medievo e a Modernidade. Porque o que na Idade Media foi pedagoxía relixiosa e testemuño de fe é agora crenza e paixón estética, a única ética que permanece. Algo de certo fica de antano na arte do vidro, a tal esa aura benjaminiana —alento sacro e catedralicio— que invita ao recollemento e á contemplación arroubada.

Obra diversa e complexa, táctil, decorativa e así mesmo simbólica, quen de subverter a ocorrencia cotiá dos acontecementos, e de rachar cos canons normativos que a moda impón, para recuperar os nosos balbucidos iniciais como suxeitos activos e libres de beleza. Así, a arte ou é transcendente ou non é (arte). E en Goretti procede contra os baleiros históricos e crea modelos hexemónicos próximos, recoñecibles e plausibles.

De mirada íntima e realista, fai do cotián real unha sorte de realismo íntimo que departe, en termos permeables e estéticos, coa escultura, a arquitectura e a antropoloxía de noso. A arte, como produto creado (ou atopado) polo xenio humano, é intemporal e universal.

A arte da vidreira permanece como forma vibrante e relevante da expresión artística nos días de hoxe, talismán tanto para quen valore a súa riquísima historia como para o que procure explorar novas posibilidades creativas neste medio tan versátil como fermoso. Un crisol cromático que nas mans de Goretti Bello se fai intimidade sensual e gozosa anegada de cor.

A copa de Licurgo, rubí paixón e verde esperanza, segue a nos embriagar!

Goretti modela a luz e a cor e xoga coa iridescencia do vidro