Camiños reais

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

Imagen de archivo del camiño real de Boiro.
Imagen de archivo del camiño real de Boiro. CARMELA QUEIJEIRO

Non ten nada que ver coa realeza, senón coa súa relevancia. Veñen xa da época dos romanos, moitos deles vías empedradas que comunicaban as importantes cidades da época

16 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A calquera concello que vaiamos, veremos como hai sempre unha vía á que lle chaman «camiño real». Non ten nada que ver coa realeza, senón coa súa relevancia. Veñen xa da época dos romanos, moitos deles vías empedradas que comunicaban as importantes cidades da época.

Na Idade Media e ata a construción das primeiras estradas para vehículos a motor no século XIX, que absorberon os trazados anteriores, os camiños reais eran aqueles que comunicaban as cabeceiras de comarca, as vilas secundarias, e ata aldeas importantes do noso territorio.

Camiños costeiros que bordeaban as rías galegas, outros que penetraban ao interior, comunicacións que eran utilizadas por carros turrados por animais, sendas de peregrinación a santuarios importantes, camiños de curación e de transporte, camiños dos arrieiros que levaban o viño, camiños que levaban peixe e marisco aos mosteiros, e que moitas veces eran chamados «camiños romanos» por ser estes devanceiros os primeiros que ordenaron o noso territorio. Camiños que cruzan os nosos ríos por fabulosas pontes medievais —que tamén moitas veces coñecemos como pontes romanas, erroneamente.

Foron seguramente as guías que utilizou Domingo Fontán para percorrer todo o país e confeccionar a Carta Xeométrica de Galicia na primeira metade do século XIX, xusto antes da construción das primeiras estradas. Son importantes porque trazan percorridos cómodos para as persoas, foron construídos sen potentes máquinas escavadoras que constrúen polos peores lugares e máis incómodos. Son parte importante da nosa historia.