Illas

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

La cocina alrededor de la mesa de madera de teca reciclada, acompañada de una isla para cocinar
La cocina alrededor de la mesa de madera de teca reciclada, acompañada de una isla para cocinar Oscar Vázquez

A xente que constrúe unha nova casa grande suspira por facer unha cociña grande cunha illa no medio

23 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

xente que constrúe unha nova casa grande suspira por facer unha cociña grande cunha illa no medio. Parece unha moda, como sempre, importada dos Estados Unidos, onde as cociñas son parte primordial das casas, onde ao final do día se xunta a familia tras un longo día de traballo, compartindo labores de cociña co faladoiro e a degustación dos manxares.

Pero igual que sucede co Samaín, que foi exportado a América en forma de Halloween, fomos os galegos precursores de moitas modernidades americanas. Aínda non hai nin cen anos que todas as casas rurais galegas tiñan unha illa no medio, na que se xuntaba toda a familia logo das labores do agro. Aínda hoxe hai nostálxicos que deseñan estancias enormes coa cociña bilbaína no medio e banco arredor, un lugar para parolar e compartir os manxares, cunha cambota sobre a cociña. Podemos mesmo considerar que esta disposición xa tradicional é moderna, porque vén da anterior lareira, na que o pote colgaba da cambota e había lume vivo debaixo. Con todo, a cociña bilbaína, comunmente chamada cociña de ferro, é a esencia da Galicia rural moderna.

As novas cociñas de moda levan ese ADN e colócanlle enriba unha campá extractora, ás veces ruidosa, que pouco ten que ver coa cambota tradicional, pero polo menos afasta ás persoas que cociñan de telo que facer mirando para unha parede, como se estiveran castigadas, que é como son a maior parte das cociñas actuais. Outra cousa é o vertedoiro, no que se lavan as potas e os pratos, que dende sempre se colocou baixo a luz dunha xanela, e no mellor dos casos, con vistas á eira ou ás leiras.