Barbantia, 20 anos compartindo soños

Ramón Ares Noal
MONCHO ARES RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Un libro coral de 17 escritores simboliza o efecto da entidade en Barbanza

28 abr 2024 . Actualizado a las 14:35 h.

«Vinte anos non son nada, cantaba Gardel» lembrou Manuel Cartea, expresidente da Asociación Cultural Barbantia, mestre, filólogo e minucioso vixilante lingüístico de toda publicación que teña que ver coa entidade, mesmo do libro Historias de Barbantia, que se presentaba a noite do venres no pazo da Torre de Goiáns, en Boiro, «17 relatos de autoras e autores do Barbanza», volume co que se conmemoran vinte anos de andaina da entidade, que hoxe é a principal referencia cultural en Barbanza, como coincidiron en sinalar dende a principal responsable do colectivo, María Xesús Blanco, ata a concelleira de Cultura, María Outeiral.

O libro ten 17 achegas doutros tantos creadores, e a cuberta é un cadro de Alfonso Costa, feito exprofeso para o volume. Escriben Agustín Agra, Alberte Pagán, Antón Riveiro Coello, Fidel Vidal, Francisco A. Vidal Blanco, José Carou, María Xesús Blanco, Marina Losada Vicente, Mariña Pérez Rei, Natalia Carou, Óscar Reboiras Loureiro, Patricia Torrado Queiruga, Uxía Casal, Xerardo AgraFoxo, Xosé Manuel Lobato e Xosé Ricardo Losada. Mais a obra ten un enorme valor sentimental xa que simboliza o que é Barbantia: «Un espazo aberto á cultura que alberga aos creadores nunha comarca que, da man da entidade, é un exemplo que moitas outras zonas de Galicia quixeran», palabras estas de Marcos Calveiro, director de edicións de Galaxia.

María Xesús Blanco, presidenta de Barbantia, fixo un repaso polas obras colectivas que promoveu a entidade ao longo dos seus vinte anos de andaina: Voces na materia, Voces na guerra, Luces na cidade, As voces da musa, Libro de contos para a infancia, A cor dos ollos, NosOutras... ás que hai que sumar os anuarios de estudos de cada ano e outras publicacións, como o suplemento A Voz de Barbantia, que suman centos de creadores implicados na asociación cultural.

Pedra, mar e tinta

Deu a palabra a Marcos Calveiro, representante de Galaxia, a editorial que publicou o libro que se presentaba, que felicitou a Barbantia e os seus vinte anos de andaina, destacando a asociación como exemplo de traballo colectivo a prol da cultura. Lembrou que Barbanza é pedra, enumerando a Curota, o Iroite, o dolmen de Axeitos... tamén mar e area, como a das dunas de Corrubedo; e, ademais, é tinta, a do feixe de bos escritores cos que conta e a fecunda canteira de autores. Rematou desexando «longa vida a Barbantia, pedra, mar e tinta».

Antón Riveiro Coello, artífice do milagre Barbantia, pois é socio fundador principal, ten un relato no libro e foi o seu coordinador, confesou sentirse emocionado, primeiro, porque o proxecto Historias de Barbantia saíse adiante, xa que consideraba que era algo serio e ilusionante, e tamén porque na obra implica a dúas casas das que se sente parte: a editorial Galaxia e Barbantia. Falou do libro coral e da xenerosidade de todos os participantes, dos que dixo que «non estamos todos os que somos, pero estamos os que sempre estivemos», para engadir que a responsabilidade das ausencias é del.

Riveiro Coello enumerou as condicións que lles puxo a todos os autores: que os textos fosen inéditos, feitos para a obra, e que a temática se ambientase en Barbanza. Ademais, pediulles a cesión de dereitos de autor, o que reportará máis dun euro á asociación por libro vendido. Sobre a calidade do volume, Riveiro asegurou que os relatos ben poderían gañar concursos literarios. Subliñou o traballo de Manuel Cartea, extremadamente minucioso, que lle facilitou a corrección a Galaxia, extremo que corroborou Calveiro.

Cartea, pola súa banda, explicou que o mérito do libro é todo de Antón Riveiro Coello: «Eu axudeille». Expuxo as dificultades que ten editar un libro: corrixir, enviar á editorial, que o devolve cos cambios feitos para volver a corrixir, comunicar de novo os cambios á editorial, nova corrección, e volta, ata que chega a última e definitiva revisión. Sobre os vinte anos de Barbantia, o expresidente asegurou que o nivel de actividade chegou a ser tan frenético, que nalgunha ocasión houbo que poñer límites. Do limiar do volume, feito por el, Cartea detallou a función que ten que ter un prólogo e dixo que o mellor do libro sempre ten quer ser o que está dentro, nos relatos, aínda que hai limiares moi interesantes.

Doce anos antes

Natalia Carou, unha das escritoras participantes, co relato 12.001 maneiras de morrer, lembrou a coincidencia de que a súa andaina como escritora empezara 12 anos antes no mesmo lugar no que se presentaba Historias de Barbantia —na Torre de Goiáns—, con motivo da celebración da segunda Romaría das Letras Galegas que organiza a mesma entidade que promoveu a edición do volume coral, Barbantia, acto no que estivo acompañada por Rosa Tubío, a libreira de Espazo Lector Nobel, que tamén estaba o venres no inmoble, e á que lle agradeceron, tanto Natalia como outros integrantes da mesa, a súa labor recomendando lecturas.

Carou recoñeceu que cando a chamaron para participar no proxecto de Historias de Barbantia, foi un pouco reacia por falta de tempo e a pesar de que a escrita lle apaixona, pero que finalmente participou baseando a súa achega na serie televisiva Mil maneras de morir, e leu o principio do relato para espertar a curiosidade dos presentes polo desenlace, aos que lle recomendou mercar a obra.

Todos somos Barbantia

A concelleira de Cultura de Boiro, María Outeiral, pechou o acto proclamando que «todos somos Barbantia» e destacando o papel que debe ter a Administración axudando a entidades como Barbantia non só cando comezan, senón tamén para que se manteñan. Lembrou que Barbantia é unha referencia en toda Galicia. Outeiral fixo referencia ao pazo da Torre de Goiáns, sinalando que Barbantia tamén ten unha meritoria pertenza a el xa que, en tempos nos que a finca e o inmoble estaban abandonados, a entidade desenvolvía a Romaría das Letras Galegas. E como todos, rematou desexando «longa vida a Barbantia», unha realidade de soños compartidos, como se afirma no epílogo do libro.

Deby Silva, cantante boirense, puxo a nota musical nunha noite histórica e nun lugar non menos histórico.