Unha homenaxe a Rey Romero, Castelao e Virxinia Pereira faise acredora do Avilés de Taramancos

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CEDIDA

O escritor rianxeiro Xosé Ricardo Losada recolleu o galardón

05 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

«Sempre Galiza. Sempre sostendo esa dor profundísima que proe como a felicidade». Con estes versos de Antón Avilés de Taramancos quixo explicar Xosé Ricardo Losada o fondo da obra que o fixo acredor do premio que leva o nome do autor noiés. Quixo, explicou, reflectir esa visión traxicómica, a mesma que mantiveron os tres personaxes que protagonizan a novela gañadora, aos que Losada quixo homenaxear: Faustino Rey Romero, Castelao e Virxinia Pereira.

A súa proposta convenceu ao xurado do Certame de Relato de Aventuras Avilés de Taramancos, en nome do que tomou a palabra Antonio Piñeiro mostrándose encantado de que detrás do pseudónimo co que se presentan as obras ao concurso se agochase Xosé Ricardo Losada «porque é un dos grandes, é unha honra contar con autores da súa talla».

Tamén subliñou Piñeiro a orixinalidade do premio alén incluso das fronteiras de España porque está dedicado ao relato de aventuras, e aí cabe de todo, destacou, antes de definir a obra gañadora, Un inferno frío, como «unha mestura de aventura persoal cun trasfondo detectivesco onde tamén entran ingredientes políticos, sociolóxicos, éticos...».

Morte misteriosa

Sen afondar demasiado na historia, o propio Xosé Ricardo Losada explicou o argumento dunha novela na que ficciona tres personaxes históricos e que arrinca coa misteriosa morte de Faustino Rey Romero e conta a investigación que emprenden Castelao e a súa dona, Virxinia Pereira, para descubrir que foi o que lle pasou ao cura de Isorna.

E ata aí de pode ler. O libro xa está editado por Toxosoutos, coas ilustracións de Xosé Luís Veiras Manteiga, que tamén participou no acto de entrega do premio. Tamén tomou a palabra o concelleiro de Cultura, José Pérez, que agradeceu especialmente á familia de Antón Avilés a súa participación neste certame. Rematou reivindicando a débeda que as Administracións teñen co escritor de Taramancos, a quen lle deben un museo.