O experto en renovables lanzouse á elaboración de caldos orixinais e de alto coidado
23 feb 2016 . Actualizado a las 14:10 h.¿Que teñen en común unha adega e unha central de enerxías renovables? O amor pola terra. Se a resposta que lles veu á cabeza pasa polo funcionamento da fabricación en masa dun produto, xa sexa enerxético ou enolóxico, non deberían apartala vista das seguintes liñas. Esta reflexión serve para ilustrar a particular historia de José Crusat González (A Pobra, 1971).
O calendario marcaba o ano 1995. Un licenciado en Enxeñería Industrial, na rama de electrónica, pola norteamericana University of Missouri e máis tarde pola británica University of Manchester, mediante un máster en instrumentación e ferramentas electrónicas, volvía ao fogar. Esa formación de vertixe influíu no destino do seu servizo militar obrigatorio. Ao ano de chegar trasladábase a Vigo á Escola de Transmisión Electrónica da Armada.
As dúas facetas
José Crusat non perdeu o tempo nin un segundo. Aos dez días de rematar a mili entraba a traballar na empresa Made Energías Renovables. Alí pasou por diversas seccións ata estar ao cargo das 634 unidades de aeroxeradores do noroeste (Galicia e Asturias). Ata que hai catro anos lle xurdiu a posibilidade de marcharse co seu mellor cliente, a multinacional italiana Enel Green Power, en sinerxía coa española Endesa.
Dende o seu cargo actual, ocúpase da área de servizos técnicos e de procedementos de melloras na maquinaria. Un traballo que o obriga a estar viaxando continuamente a Zaragoza, Ávila, Tarifa ou a outros países, como Alemaña. Non obstante, o verdadeiramente sorprendente é que lle sobre o tempo para o que define como unha afección, pero que se toma coa seriedade dun arte.
No interior da casa rural pobrense Entre os Ríos, cuxa calefacción e auga quente son alimentadas por placas solares, localízase unha adega familiar cunha filosofía moi clara: «Non queremos facer viños estandarizados e homoxeneizados como todo o mundo», explicou Crusat, que leva tres anos coordinando a vendima e as tarefas de cultivo.
Baixo a premisa do emprego dunha boa materia prima, Crusat está recuperando variedades típicas do Barbanza como a uva raposo, tamén coñecida en Betanzos como a uva lexítima, que foi quedando en desuso pola menor produtividade que aporta e a súa sensibilidade ao fungo botrytis. En definitiva, unha clase non aconsellable, se o que se busca é encher litros e litros doadamente.
Para a Adega Entre os Ríos, cada colleita debe estar marcada polo ano, polos parámetros climatolóxicos que incidiron nela: «Se un viño sabe igual todos os anos, trátase dun traballo de laboratorio». Isto levouno a tomar medidas drásticas como desbotar da comercialización toda unha quenda dunha modalidade do 2014, posto que non era quén de vender algo que a el non lle gustara ao catalo.
«Hai que facer que o viño exprese a terra e non sexa un puro proceso de fábrica enolóxica», así os caldos deste negocio familiar xa son reclamados en lugares como Madrid, Barcelona ou Cádiz, pero prepáranse para dar o salto a Estados Unidos, Alemaña ou Francia.
O aroma da paciencia
O seu novo albariño estrela é a liña Komo Kabras, a única aposta en madeira, con dez meses de crianza en barrica de carballo francés. Este produto foi mimado en recipientes que tiveran expresamente seis anos de uso por un sinxelo motivo. O sabor. «Non quero lamber un cacho de madeira, quero que a froita estea presente», confesou José Crusat.
Depósito, tempo, relax, sen forzar con acelerantes nin bacterias. Esa é a fórmula coa que este perfeccionista embotella creacións cunha porción de alma, que nunca volverán a repetirse.