Un total de 84 peñas están inscritas no rexistro creado pola Real e Ilustre
23 jul 2015 . Actualizado a las 17:19 h.É incontable o número de persoas que forman parte da gran marea que desde o pasado venres asolaga a cidade de Ribeira e que, se as previsións non fallan, chegará ao seu punto álxido mañá, cando no Malecón soe o forsa a Dorna vento en popa con jalerna ou en calmada que non se sabe no mundo dunha festa máis rachada. Pero si que se pode facer unha aproximación, senón á totalidade, si ao núcleo central, ao número de veciños que están integrados nas peñas que lle dan vida e cor, pois eles son os artífices das actividades que fan da Dorna a festa máis singular de Galicia. Son cinco mil as persoas que impulsan esa gran marea e fan tremer aos seus pés o pavimento de Santa Uxía.
Para facer este cálculo chega con botar man do rexistro que elaborou este ano a Real e Ilustre Cofradía. Foron 84 os grupos que se inscribiron nesta lista, a primeira destas características que se elabora e que permite saber quen está detrás desta 67 singradura. Na relación figuran, como non podía ser de outro xeito, as peñas históricas, ás que lle tocou mover ficha a finais da década dos oitenta para darlle un xiro á festa e convertela no divertido cóctel de actividades que hoxe en día. Cajaboi Island, Kirieleison, Petóns ou Parrochiñas da Ría aínda seguen a dar o callo na actualidade, poñéndolle cor á gran marea dorneira.
Pero estas non son, nin moito menos, as peñas máis numerosas. A Dorna foi quen de ir atrapando nas súas redes ás distintas xeracións, que lle deron forma a diferentes grupos, algúns deles dos que baten récord. É o caso de Que Polbaso Tes, colectivo que con 300 integrantes lidera sen lugar a dúbidas o ránking dorneiro. Séguenlle de preto os 350 membros dos Pintos Joden Quintos e os 300 de Estou que Eskacho. A relación segue con O Centolo Máis Tolo e Ratos da Illa, con 180 peñeiros; Os Bojavantes Maleantes, con 160; e coas Luras Andas Duras e Berberechos Asasinos, que aglutinan a 150 amantes da festa. Muxo Beit, con 140; Rapantes, con 125; e Parrochas Papudas, con 120, sitúanse tamén nos primeiros postos deste ránking; seguidos das Pirañas Van de Cañas, das Aljas nas Naljas, de Arría o Jallo e dos Tabeiróns Caralludos, que teñen un cento de seguidores.
Os que menos
Mención especial merecen tamén aquelas peñas que, con poucos integrantes, achegan o seu grao de area para darlle cor a cada singradura. É o caso de Me Aplaude la Almejita, Vinjos da Tomasa e Juiston de Batea, que conta só con dous membros; de As Navallas Mata-Rayas, que teñen catro; ou de As Miñocas Locas, Indiana Mexi Jones e Persebes Epiléticos, con cinco.
Pero ránking a un lado, son moitas máis as persoas que, ataviadas cunha camiseta dunha cor chamativa gozan estes días da Dorna, unha festa que apura as últimas xornadas, antes da arriada final das pañoletas.