«Da polinización depende o cultivo dun 80% das froitas e legumes»

Antón Parada

RIBEIRA

CARMELA QUEIJEIRO

A agrupación planea crear unha sala de produción e recollida de mel aberta ao público

19 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O home é un animal gregario por natureza. Esta clásica afirmación aristotélica adoita a ser ilustrada academicamente equiparando ás abellas co ser humano. Se a unión fai a forza no interior dunha colmea, o mesmo ocorre cos apicultores. Por iso cando a antiga asociación deste gremio en Barbanza desapareceu, seis dos seus membros non puideron deixar de traballar xuntos. Actualmente, o colectivo Os Abelleiros dispón de máis de 160 colmeas repartidas polos concellos de Ribeira, Boiro e Porto do Son. Cada unha delas pode albergar no período da primavera ao verán a 70.000 destes insectos. Poderíase dicir que deste equipo depende unha gran familia.

«Hai que ter unha maneira especial de tratalas, actuar con suavidade e calma», afirmou José Eiras, que tras máis de 500 picaduras xa perdeu o medo. Pero este número pode superar o millar no caso dalgúns compañeiros, que despois de moitos anos de experiencia, prescinden ata do traxe protector para tarefas sinxelas. De distintas procedencias da comarca, o grupo aglutina a produción de cada membro baixo un mesmo etiquetado.

O poder do plural

«O motivo principal é a amizade, pero tamén inflúen a comodidade e a división do traballo, pois hai tarefas que non pode facer un só», explicou Joaquín García desa sinerxía na que poden dedicarse a preparar distintos subprodutos como a xelea real, o propóleo e o pole. Ademais, esta conxunción tamén serve para a comercialización e distribución de todo o volume de mel, a pesar de que cada profesional se encargue da súa propia zona. 

«A rutina de cada día consiste en revisar que as abellas estean sans e o número da poboación sexa adecuado, así como renovar os cadros para que teñan espazo para criar», debullou Asunción Torrado sobre a mecánica da actividade diaria ata que poden recoller os excedentes das alzas do caixón. Pois é fundamental que parte dos cadros e da cámara de cría se manteñan abastecidos para garantir a subsistencia dos antófilos durante o duro inverno.

«Normalmente acadamos un volume de mel de 20 quilos por colmea», contabilizou José Luís Santos. Aínda que o resultado final non se sintetice nun só tipo, xa que Os Abelleiros crean dende mel mono floral de eucalipto e melato a unha variedade que denominan de «valor engadido» cos antes mencionados subprodutos como a xelea real. 

A recolección pode chegar a ser bianual dependendo da flora do entorno. «As dúas principais floracións son as dos castaños e silvas a mediados de xuño e a do eucalipto, que é irregular, en maio», comentou José Fernández sobre os procesos que lle permiten recoller a mediados de setembro. A existencia destas árbores foráneas caracterízase por non estar asegurada a quenda da especie australiana.

O peso dun insecto

«Da polinización depende o cultivo dun 80% de froitas e legumes», sentenciou Eiras deixando claro a importancia da simbiose entre diversos gremios. Proba disto é a estreita colaboración que manteñen coa empresa de xardinería de Espiñeira. Súmase tamén a implicación que o grupo ten cada ano na Feira do Mel en Porto do Son, amosando o produto e panais en vitrinas transparentes. Para continuar esa función didáctica, planean crear a medio prazo unha sala onde traballar e que o público poida observar e aprender do proceso.