
Foron os organizadores do primeiro encontro en Galicia de usuarios de «postcrossing»
22 abr 2016 . Actualizado a las 14:12 h.«Querido lector». Non atopo mellor forma de comezar esta historia que empregando a cortés presentación do encabezamento dunha carta. Aínda que esta use como envoltorio as páxinas anteriores e posteriores deste xornal e como selos de tirada exclusiva os nomes de Diana Pastoriza Espasandín e Luís Teira Parada.
Quizais estes dous docentes sexan máis coñecidos polas súas ensinanzas en Ribeira, ela dende a Escola Oficial de Idiomas e el dende o colexio de Frións. Mais tamén son os artífices de traer, o pasado sábado, a esta localidade o primeiro encontro galego de postcrossing, unha rede dixital mundial que pon en contacto a persoas anónimas para o intercambio de postais.
Tamén coñecidos como postaleiros, os preto de 620.000 usuarios desta páxina web -creada por dous portugueses hai unha década- xa levan máis de 35 millóns de envíos realizados entre 211 distintos países. Máis alá da nostalxia de facer danzar a tinta mediante o baile da escritura, Teira e Pastoriza descubriron que os beneficios desta afección non teñen máis límites que as marxes dun recadro de cartón.
Os remitentes
Filla de emigrantes, Diana Pastoriza comezou a escribir cartas e postais dende os seis anos, como unha forma de manter o contacto coa familia e amigos. En decembro de 2014 descubría este movemento e exportábao ao momento aos seus alumnos de inglés (lingua vehicular do postcrossing). Se ao longo da súa vida recompilou dúas mil postais, no tempo que leva participando nesta iniciativa xa reuniu medio centenar.
Luís Teira sempre tivo ese bonito costume de mercar unha postal en todos os lugares que visitaba. Nunca lle atopara maior utilidade que a de confeccionar unha colección. «Esta é unha rede social máis, só que conta cunha parte analóxica», di. Teira aterraba nesa dimensión creando un perfil para a clase de sexto de primaria, cuxa aula ten un mapamundi repleto de envíos de lugares curiosos como a británica illa de Guernsey. Tamén fixeron un intercambio cun centro de Carolina do Sur.
Ademais, contra todo prognóstico, unha gran parte dos postaleiros son adolescentes ou mozos que verten as súas primeiras liñas manuais no contexto dun mundo dixital. Lonxe dunha ortodoxia no ámbito escrito, a actividade soe complementarse con subas ao Instagram ou Facebook das recepcións por correo.
«A dimensión intercultural é crucial, tendemos a xulgar dende o noso punto de vista, pero moitos postaleiros teñen a responsabilidade de falar do seu país, de desmontar estereotipos», sinala Pastoriza en canto aos valores que aporta coñecer a persoas de Dubái, Marrocos ou Hong Kong, así como da recuperación dese intimismo da escrita a man.
A caricia do mataselos
«É unha maneira de viaxar a lugares que non podería en persoa», relatou esta experta en fala inglesa, dunha forma de comunicación pola que chegaron a recibir agasallos tan especiais como un abanico de Indonesia ou cunchas do mar Negro. Cada papel está impregnado cunha anécdota: un montañeiro que escribe no reverso das fotografías que toma en paisaxes como a do Himalaya ou un emisor de Cabo Verde que rematou sendo de Chantada.
Sen embargo, o postcrossing só foi un punto de partida. A partires del emprenderon proxectos como o Caderno viaxeiro, que consiste en ir pasando un por diversos colexios nos que os alumnos escriben ata que volve completo ao centro educativo de orixe. Xa participan 39 colexios españois e 30 internacionais.
A pesar do anonimato, os amantes das postais teñen a posibilidade de contactar por privado coa persoa e que a comunicación sexa recíproca ata forxar unha amizade. Nesa loita polo espazo que non entende a caricia do mataselos, cómpre buscar un oco para a posdata de Teira: «Só son pequenos anacos de vida que collen nunha cartolina».
Seguemento na Rede: Pastoriza leva un blog dende a Escola Oficial de Idiomas, onde colgan novas sobre actividades que levan a cabo: palabrasdamanaocorazon.blogspot.com.es/
Queres ser postaleiro?: calquera pode entrar a formar parte deste mundo dende: www.postcrossing.com