A vocación sacerdotal como camiño

La Voz

FIRMAS

Gonzalo Varela Alvariño, Reitor do Teologado San Rosendo

01 mar 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Temos oído, e mesmo usamos, moitas veces, expresións como homo sapiens, homo habilis, homo faber, homo loquens, homo legens, homo ridens, e, mesmo ultimamente, homo zapping. Todas elas expresan caracterizacións especiais do ser humano. Pero, sen dúbida, a máis xenuinamente antropolóxica de todas é a de homo viator.

Non existe ningún outro ser, fóra do home, capaz de viaxar. Os planetas teñen órbitas, os animais rutas; pero o home, en canto que viaxa por camiños, é o único ao que pode aplicárselle, con todo dereito, a expresión viator. Por iso dicimos que as ideas de viaxe e de camiño son especificamente humanas.

Podemos, ao mesmo tempo, entender este homo viator, en dous sentidos. O primeiro sentido sería o físico, é dicir, o camiño que seguimos para desprazarnos dun lugar a outro. O segundo sentido, sería o simbólico, isto é, a busca da perfección ou desprendemento das realidades mundanas, para agarrarse ao mundo definitivo, que é camiñar cara á eternidade.

Adán, o primeiro home, é tamén o primeiro peregrino, que co seu pecado conferiu á humanidade a súa condición peregrinante (Xén 3). Abrahán responderá á vocación de Deus converténdose en homo viator, ao ter que deixar a súa terra, a súa patria e a casa do seu pai, para poñerse en camiño cara á terra prometida (Xén 12).

Pero, sobre todo, queremos subliñar aquí a experiencia do Pobo de Deus como pobo peregrino. Estar en camiño é a condición esencial do pobo de Israel. Israel nace como pobo precisamente no camiño (ex-odos). A experiencia do éxodo é a experiencia fundante para o pobo de Deus. No camiño do deserto Israel nace como pobo e é precisamente nese camiño onde teñen lugar os acontecementos esenciais da revelación veterotestamentaria, ao tempo que Israel descobre a JHWH como o Deus viator. É o Deus que peregrina co seu pobo.

É así como o Pobo de Deus se pon en camiño (ex-odos) e empeza a ser libre. A festa anual da Pascua celebra esta liberación e recorda para sempre a condición peregrina de Israel, pois a comida pascual ha de tomarse coa cintura cinguida, as sandalias nos pés e o bastón na man (Ex 12, 11). Todos estes xestos recordarán para sempre a Israel que é un pobo peregrino.

Algo semellante descubrimos no Evanxeo. A experiencia do seguimento de Xesús podería moi ben constituír a fórmula breve do cristianismo. Nos evanxeos sinópticos encontramos a miúdo a chamada de Xesús, «ségueme», dirixida aos seus discípulos. Seguir alguén é ir detrás del polo camiño. Xesús é, no evanxeo, o homo viator por excelencia. Os discípulos, deixándoo todo, ségueno, vanse con el. Esta condición itinerante de Xesús e dos seus discípulos marcará decisivamente o seu estilo de vida.

Eu son o camiño, a verdade e a vida (Xn 14). Estas palabras de Xesús, que recolle o cuarto evanxeo, convén situalas no seu contexto. Trátase do discurso de despedida despois da cea pascual. Os discípulos senten inquietude e tristura ante a hora inminente de Cristo. Xesús é o camiño (odos) para chegar ao Pai. El encarna o verdadeiro e definitivo éxodo. Por iso, seguir o camiño de Xesús, seguilo a El, é camiñar cara ao Pai, camiñar cara á salvación. É a mesma experiencia do éxodo de Israel cara á terra prometida. O seguimento de Cristo é o noso éxodo, o éxodo da Igrexa.

Esta é a experiencia cristiá fundamental. Esta é, tamén, se queremos, con máis radicalidade, a experiencia do sacerdote. A mesma experiencia que viven os seminaristas cada día da súa vida, esforzándose por se poñer en camiño, vivindo un novo éxodo, ao seguir a Aquel que os chamou para estaren con el e para envialos a predicar (Mc 3, 13-14).