Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Os versos de «Bretemada» brillan tamén en Compostela

carballo / la voz < / span>

SANTIAGO CIUDAD

O poemario de López Abente foi presentado na Facultade de Filoloxía

24 feb 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Despois da súa posta de longo en Muxía -en outubro do ano pasado- e na sede da Real Academia Galega, na Coruña -en xaneiro do actual-, onte foi Santiago de Compostela a cidade escollida para facer unha nova presentación de Bretemada, o poemario inédito do autor muxián Gonzalo López Abente (1878-1963) publicado pola fundación que leva o seu nome en colaboración coa editorial Alvarellos.

O acto de onte tivo lugar no salón de graos da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago co reitor compostelán -membro ademais do padroado da entidade muxiá-, Juan Casares Long, como anfitrión da ampla representación da Costa da Morte desprazada ata alí. O alcalde de Muxía, e presidente da Fundación Gonzalo López Abente, Félix Porto, unha comitiva integrada tamén entre outros por Xan Fernández Carrera, patrón da entidade; Xosé María Lema Suárez, presidente do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte e o poeta ceense Miro Villar.

Este último, patrón tamén da fundación López Abente, foi, como responsable da edición de Bretemada, o encargado de explicar o contido e a significación desta obra, recuperada tras unha longa espera nos arquivos da RAG e que en palabras do editor Henrique Alvarellos é «coma unha ópera estática de Wagner».

«A súa edición, tantos anos despois, constitúe un acontecemento literario de altísima importancia», explicou pola súa banda o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, no limiar da obra. E así o teñen entendido tamén os responsables da Asociación Galega de Editores ao incluíla entre as obras finalistas dos premios Anxel Casal de poesía, que serán entregados o 9 de marzo no transcurso da Noite de Edición.

Entretanto, onte foi o público compostelán o que se puido achegar xa deste canto á normalización do país que terá continuación nun futuro próximo grazas a recuperación doutras obras do autor muxián.