«O Apalpador estase recuperando»

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Imparte unha charla no instituto Monte Neme de Carballo

13 dic 2012 . Actualizado a las 14:12 h.

Xoán González Otero (58 anos) é debuxante e infógrafo en La Voz de Galicia. Mañá venres (12.30 horas) estará no instituto Monte Neme de Carballo para falar do Apalpador, unha figura moi vinculada a Galicia. Sobre ela leva traballando moitos anos, e o froito pode verse no seu primeiro libro, O Apalpador (xa leva tres edicións) e máis no segundo, O Apalpador e a castaña máxica (dúas), ambos editados por Biblos. O protagonista é ese vello xigante que baixaba polas noites de Nadal para traerlle agasallos aos nenos.

-¿De onde sae ese nome?

-Porque entraba nos cuartos dos rapaces, e se estaban durmindo, apalpáballes a barriga para saber se estaban mantidos. Se é así, dálles unha présa de castañas e deséxalles que estean así todo o ano.

-¿Cal é a orixe desta tradición?

-É unha tradición europea, que non ten que ver con Papá Noel nin Santa Claus. Falamos de miles de anos, asociada ao solsticio de inverno, un rito moi arraigado, que os romanos apropiaron nas Saturnais, despois os xermánicos, recupérase o anterior e, despois, as novas estruturas sociais e eclesiásticas deturpan, collen ritos e santifícanos. Por Europa invocan a san Nicolás, bispo que lle trae agasallos aos nenos, pero é a mesma festa.

-Son costumes que se foron perdendo.

-Son fáciles de eliminar. Ese personaxe traía carbón, que daba calor, ademais das castañas, alimento. Substituíuse polos Reis Magos. ¿Que che traen se te portas mal? Carbón. ¿E ben? Xoguetes, eses son dos Reis, o do carbón é malo, o do Apalpador. E moitos máis cousas.

-¿Cre que está volvendo a tradición?

-Si, o Apalpador estase recuperando, cada ano hai máis actividades de todo tipo, eu noto que o interese aumenta.

xoán gonzález otero debuxante e infógrafo