«Cando modelas o que fas é aprender como é o retratado»

Á. PALMOU CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

JOSE MANUEL CASAL

O artista pontecesán José Manuel Castro López inaugura hoxe o busto do cura de Buxantes José Lado

01 feb 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

As mans e o talento do artista pontecesán José Manuel Castro López (Vilasuso, Cores, 1959) deron forma ao busto de José Lado Río que os veciños da aldea dumbriesa de Buxantes inaugurarán esta tarde (17.00 horas) para lembrar ao que foi seu párroco durante moitos anos. O creador, que expón na actualidade na mostra da Cidade da Cultura Gallaecia Petrea e que xa prepara unha exposición individual en Lugo, móstrase satisfeito polo resultado dun traballo que o afastou temporalmente da pedra e lle permitiu modelar o barro que, despois dun longo proceso, acabou dando vida a unha peza de bronce.

-¿Resultou moi complicado este traballo?

-En xeral sempre é moito máis difícil e complicado a realización da peza a partir dunha foto que do modelo real porque só hai dúas dimensións e ademais as fotografías dan información distinta dunha cara en función da luz, non hai dúas iguais. Mentres que se tes o modelo diante falas con el, coñécelo e podes saber cales son os seus xestos.

-Aínda así, o resultado parece moi logrado.

-E que eu xa lles dixen aos que me encargaron a peza que se ía parecer; mellor dito, díxenlles que non se ía parecer, que tiña que ser el porque parecidos hai moitos. Os bos retratos son os que conseguen ser o orixinal. Cando se traballa en barro, se se fai co propio modelo este xa vai vendo a evolución, aínda que el é quizais o que menos sabe se se parece ou non, mentres que os que o vén habitualmente si o saben. Neste caso chamei aos que a encargaron para ver se había algún erro e efectivamente, chegaron, vírona e dixéronme que tiña una expresión nos labios que había que poñer doutra maneira. Tamén lle din un pouco máis de profundidade a un ollo porque me dicían que tiña a mirada máis viva.

-Noutras das súas pezas recreou ao almirante Mourelle, do que as referencias eran moi escasas.

-Así é. Ese traballo foi moito máis difícil aínda, porque só había un retrato ao óleo plano, é dicir que non ten luces nin sombras. Iso supón máis dificultade e ademais significa que partes xa de outro retratista, non do modelo orixinal.

-¿Como se sente un creador con este tipo de obras?

-Son traballos por encargo, pero a min gústanme e agradézoos, sobre todo polo traballo en barro, polo modelado, que é un traballo de creación tamén, aínda que ás veces pásalo mal e tes que desfacer o feito durante semanas porque non che vale, non che gusta ou ves que hai erros. O que fas é aprender como realmente é o retratado.

-Tamén ten feito cruceiros.

-Pero fixen moi poucos porque os cruceiros dependen moito dos serradoiros de pedra e eu desligueime totalmente desa industria. Fixen só dúas cruces, en Malpica e Cores, e hai xa anos, estando na escola de canteiros.

-¿A pedra segue sendo o seu material preferido?

-Non cabe dúbida que a pedra é ao que lle dedico máis tempo, pero á pedra entre comas porque ultimamente non fago traballos de cantería nin coa pedra que lle chaman granito do país. Uso pedras que consigo no entorno da miña aldea porque son moitísimo máis duras e, aínda que hai que traballalas con ferramentas especiais, como discos de diamante, consegues outras texturas, consegues brillos, pulidos, etcétera. Son un escultor que aplasta as pedras, que as pela, as oxida, as manipula ata convertelas en algo vivo.

-¿Que hai de certo nesa frase de que esculpir realmente só é retirar o que lle sobra á materia prima?

-Iso díxoo Miguel Ángel e realmente é iso. O importante é ver o que sobra porque se partimos de que hai un bloque e eu quero facer unha cara eu teño que ver a cara no bloque antes de facela, teño que saber onde vai ir o nariz ou que profundidade lle teño que dar aos ollos.