Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Preferentes e subordinadas

Farruco Graña

CARBALLO

16 abr 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Oque ocorreu coas preferentes e as subordinadas corroe a base mesma do sistema capitalista. ¿Que credibilidade lle pode dar a xente agora a un sistema bancario que, por mor dunhas prácticas especulativas, fixo voar os aforros de moitas persoas? ¿U-la confianza nas nosas caixas de sempre? Nunca esquecerei a ilusión coa que ía enchendo a miña primeira hucha cos pequenos aguinaldos que me ían dando. ¿Son quen de imaxinarse un cualificativo para un acto tan repudiábel como converter 600 euros dunha cartilla de aforro infantil en subordinadas sen o consentimento paterno? ¿Podemos ver nese cativo un inversor de alto risco? ¿Que fiabilidade nos pode merecer unha entidade que actúa así, tan á lixeira? ¿E as autoridades monetarias que o permitiron? Ningunha.

É certo que hai responsabilidades compartidas, como denunciaron os participantes na manifestación deste domingo en Carballo. Ignorar que as grandes decisións económicas neste país foron tomadas polo goberno central, xa dirixido polo PP ou polo PSOE, é absurdo. Estes produtos foron creados grazas á lexislación económica aprobada polo Ministerio de Economía dirixido por Rodrigo Rato, no goberno Aznar. Foron autorizados polas autoridades monetarias españolas (léase Banco de España e CNMV). Con Pedro Solbes e Elena Espinosa (gobernos Zapatero) a cousa seguiu adiante. Querer implicar ao BNG por apoios puntuais ao goberno Zapatero en cuestións relativas a inversións en Galiza, ou políticas sociais, etc... é querer poñer o ventilador para disimular. Insistir en que estes produtos foron aprobados cos votos dos representantes tamén do PSOE e do BNG é falso porque, cando as nosas caixas aprobaron a creación de ditos produtos, os partidos políticos non tiñan representación nos consellos de administración das mesmas.

Pero, aínda con todo o que se lles poida reprochar a uns e outros, quen agora ten capacidade de decisión sobre o tema é o goberno do señor Rajoy (e o da Xunta no que lle corresponda). ¿Imos esquecer tan facilmente que o señor Feijoo baseou a súa campaña (polo que respecta ao tema das preferentes e subordinadas) en que, se gañaba, a xente había de recuperar ao completo os seus aforros? O das arbitraxes foi un bluf directamente proporcional á campaña electoral, e inversamente proporcional, posteriormente, á vitoria do PP. Por iso é fundamental manter o nivel de mobilización, para crear conciencia social sobre o problema que están a padecer moitas familias do noso entorno. É de vergoña que, despois de tanto tempo con esta polémica, aínda haxa persoas que se estean a decatar estes días de que son posuidoras de preferentes. Iso só se pode entender se foron enganados. ¿Como é posíbel que a xente se farte de acudir ás súas oficinas a preguntar, lles digan que estean tranquilos, que non pasa nada? e despois lles chegue unha carta á casa comunicándolles que son un damnificado máis do roubo maior dos últimos tempos? Por certo, legalizado cos votos do PP o xoves pasado no Congreso.