«Notamos máis a crise na perda de emprego que en pechar naves»

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Antonio Gómez Caamaño.
Antonio Gómez Caamaño. JOSE MANUEL CASAL

Asegura que o parque empresarial é seguro e ofrece moitos servizos

10 nov 2013 . Actualizado a las 06:00 h.

Antonio Gómez Caamaño (Ramil-Rus, 67 anos), da empresa Almacenes de Carpintería Hermanos Gómez Caamaño, é o presidenta da comunidade de propietarios do polígono industrial de Bértoa e da asociación As Eiroas, creada o ano pasado tras moitos meses de trámites. Simplificando: na primeira entran todos os que teñen parcelas ou naves, e na segunda, os que teñen os negocios. Nunha ampla porcentaxe, coinciden. Son, en suma, os que moven o polígono de Carballo; 376.000 metros cadrados, 125 empresas, preto de 600 empregos.

Antonio leva 22 anos coa súa sociedade, e 14 deles pasounos no parque industrial.

-¿Hai aínda espazo no polígono para o que queira montar unha empresa? Para comprar unha parcela ou unha nave, para alugalas...

-Si que o hai. Temos sobre unha ducia de naves libres, con superficies diversas. A maior ten 3.000 metros cadrados, pero é unha excepción, porque a maioría andan entre os 375 e os 800 metros. Diría que a media anda polos 700 metros. E, en canto a terreos, sobre uns 5.000 metros cadrados.

-¿A como está o metro?

-Depende. Nós poñemos en contacto ao que vende co que quere comprar, e eles negocian. Pero, se cadra, poderíamos dicir que anda polos 80 euros. Insisto en que depende moito de cada caso, polo sitio e o uso. Non hai moitos anos andaba polos 120.

-E tamén teñen o novo parque de Xestur, a ampliación.

-Si, pero a prezo similar, é moito mellor o noso. No novo non hai nin alumeado, nin servizos. Nin sequera a correspondencia. Nós damos unha serie de servizos que no outro, agora mesmo, é imposible.

-¿Como lles está afectando a crise económica?

-Nós non tivemos peches. O polígono está forte. Si, non é como cando todo ía moito mellor, pero imos aguantando. Ao ser a maioría empresarios pequenos, pelexan moito máis que se fosen multinacionais. E tampouco tiñamos moitas máis empresas cando as cousas ían moito mellor. Eu creo que notamos moito máis a crise na perda de emprego que en pechar naves. E en detalles como que antes, se cadra, o dono podía facer moitas máis relacións públicas, e agora hai que dedicarse máis a traballar. Puidemos chegar a ter ata uns mil empregados, e varias empresas con quendas. Agora só hai tres ou catro que os teñen.

-¿Cal é o perfil medio das empresas en canto a empregados?

-Estamos precisamente agora preparando as estatísticas, aínda non as temos. Pero aquí, a maioría son pequenas empresas, diría que entre cinco ou seis empregados. Claro que hai algunhas que teñen 60, 40 e 38, pero son só unhas poucas, non é o normal.

-¿É un polígono seguro?

-Si. Totalmente. En todo o ano pasado non houbo nada. Nin sequera incidencias menores. temos a colaboración da Policía Local e da Garda Civil, que veñen todas as noites. E agora, cun convenio co Concello, melloraremos aínda máis a seguridade, coa instalación de cámaras. Ademais, controlaranse máis os accesos polas noites. Un convenio que é máis amplo e que inclúe un plan de circulación. Ata agora, nin os vados podiamos poñer.