O xurado elixiu de entre quince obras «Dominio público», por ser un poemario moderno, variado, fresco e enxeñoso
11 nov 2013 . Actualizado a las 20:37 h.Na noite do sábado, unhas 25 persoas achegáronse ata Casa Vasca, en Barizo, para participar na chamada Cea das Letras, programada pola asociación cultural Caldeirón e o Concello malpicán. Alí, ademais de presentarse a obra que gañou o ano pasado o certame de poesía erótica Illas Sisargas -Chamádeme Eva, de Mercedes Leobalde-, deuse a coñecer tamén o vencedor da que xa é a oitava edición.
Sendo presidente do xurado Francisco Quiroga, presidente de Caldeirón; primeira vogal Mercedes Leobalde; e secretario Antón Lois Noceda, animador sociocultural do Concello malpicán, a obra elixida foi Dominio público, de Ramón Neto (A Illa de Arousa, 1975). Destaca Quiroga que este ano subiron un pouco o nivel de participación, porque se presentaron quince traballos. «Somos conscientes de que non é un certame de poesía ao uso, senón especificamente de poesía erótica e iso xa limita algo máis», manifesta.
Aínda así, destaca a calidade de cinco ou seis das obras presentadas. Non obstante, a elixida foi a de Ramón Neto, licenciado en filoloxía inglesa e residente dende o 1998 en Bruxelas, onde exerce a docencia. Dende alí desprazouse a propósito ata Barizo para acudir á cea.
Na cita, onde tamén estivo presente a edila de Promoción Económica, María Pilar Doldán, e tamén houbo recital de poesía, o xurado destacou de Domino público o ser un poemario moderno, variado, fresco e enxeñoso, pero sen renunciar a referencias culturais, cinéfilas e pictóricas. Tamén o seu léxico e o seu xogo literatura-realidade.
Dende a asociación Caldeirón, Quiroga amósase contento co nivel de participación. «Levamos oito anos e temos sete obras publicadas, así que vamos aumentando a nosa colección de poesía erótica», conta. Para o ano, tamén haberá certame.