Membros da organización presentan hoxe en Carballo o estudo que fixeron
21 mar 2014 . Actualizado a las 07:00 h.A Mesa pola Normalización Lingüística leva meses recompilando datos sobre o estado da toponimia na sinaléctica pública da comarca de Bergantiños. Nos sete concellos que compoñen a zona localizaron 172 topónimos con algún tipo de incorrección, tendo en conta o nomenclátor que dá conta dos nomes oficiais en Galicia. Hoxe, ás 11.00 horas, no Pazo da Cultura, dará a coñecer o seu estudo, coa intervención de Marcos Xosé Seoane, vogal da asociación veciñal Campo da Feira de Paiosaco; Marcos Maceira, membro da Permanente da Mesa; e Xosé Cotelo, responsable da entidade en Bergantiños.
Por concellos, localizaron 61 erros en A Laracha, 34 en Coristanco, 22 en Cabana, 16 en Carballo, 16 en Ponteceso, 16 en Laxe e 7 en Malpica. Porcentualmente, o peor caso sería o de Laxe, onte case o 30 % dos topónimos (tendo en conta os existentes no nomenclátor) terían algún tipo de erro, porcentaxe que aumentaría se se tivese en conta só os que están rotulados. En Malpica, por exemplo, localizáronse 7, pero tamén é o municipio con menos núcleos de poboación e con menos núcleos de poboación rotulados. Explica Xosé Cotelo que boa parte dos erros veñen da carencia do artigo, pero que tamén hai deturpacións do tipo de A Grela (o correcto é A Agrela), O Igrexario (Grixario), San Miro (Samiro) -as tres en A Laracha- ou Aplazadoiro e O Aplazaduiro (tería que ser O Aprazaduiro), en Laxe. Faltan ademais tildes, como en Novas (Novás) ou Adrán (Adrán), en A Laracha, e sobran noutros como en Anós (Anos), en Cabana. Tamén neste concello habería que corrixir Aguarrey (Aguarrei) ou Regengo, por O Reguengo.
Seguen presentes as discordancias entre «v» e «b» ou a presenza ou non de «h»: pasa en Coristanco con Vieite (o correcto é Bieite), Riveiro (O Ribeiro), Erbelleira (A Ervelleira) ou Edrada (A Hedrada), e tamén en Carballo, con Verdillo (Berdillo) ou Cobas (Covas). Cotelo explica que teñen especial gravidade aqueles casos que foron traducidos do galego (como Valencia, no sitio de Valenza en Coristanco), topónimo errado que tamén aparece na web do Concello.