Ademais de ampliar cobertura, mañá estrean un horario máis amplo
30 mar 2014 . Actualizado a las 15:24 h.Radio Voz Bergantiños estrea frecuencias: á de Carballo (99.8 FM) suma as de Vimianzo (99.5) e Cee (94.2). Tamén amplía horario: dende mañá, Manuel Rial Santos e Manuel Rey Pan comezan a informar sobre as tres comarcas xa ás nove da mañá. Os dous naceron no ano 1989: Rial, o 31 de maio; Rey, o 1 de xuño. O primeiro é vimiancés; o segundo, carballés. Ambos -é evidente- comparten nome e traballo en Radio Voz Bergantiños, ademais de moita ilusión e gañas por esta estrea.
-¿Que novedades ofrecen?
-[Rey]. O máis importante é que vai haber media hora máis: pasamos das 09.30 ás 09.00.
-[Rial]. Poderemos espertar á xente xa con información dende as sinais horarias: as noticias do día, o tema principal, informaremos de se hai algunha incidencia de tráfico... A esa hora hai moita xente collendo o coche, desprazándose... De 09.00 a 09.15, boletín informativo; logo información meteorolóxica con datos para a Costa da Morte e, ás 09.20, entra Manuel Rey cun boletín de deportes, outra novidade.
-[Rey]. Repasaremos resultados, afondaremos de cara á fin de semana... Logo vén o magacine, con entrevistas, máis voces, información municipal, protagonistas... e continúa ata as 12. Ás 14.00 volvemos con Redacción Bergantiños e ás 14.30, con A Voz do Deporte. De cara ao fin de semana afondaremos na axenda de ocio.
-Querían unha radio interactiva.
-[Rial]. Si, e agora con máis tempo aínda poderemos ter máis voces. Xa nestes seis meses fomos incorporando cambios: por exemplo, no Cita co Concello [os martes], o alcalde xa non só contesta ás nosas preguntas e ás dos oíntes. Tamén ás da oposición.
-E agora chegan a máis xente.
-[Rey]. É importante. Un avance e unha responsabilidade: supón máis territorio, estar atentos.
-[Rial]. ¡Por fin completamos a Costa da Morte! Poderannos escoitar dende Fisterra a Cerceda, e somos a única radio que informará da comarca xa dende as nove da mañá: Radio Voz. Por tradición chámase Radio Voz Bergantiños, pero, por suposto, tamén é de Soneira e Fisterra.
-¿Chaman os oíntes?
-[Rey] Si, si. Temos seccións nas que o teléfono bota fume. É o que pretendemos, que participen e acheguen a súa opinión.
-[Rial Santos]. Para iso, durante todo o programa temos abertos os teléfonos de directo, 981 70 22 00 e 981 70 30 02.
-¿Que aporta a radio local?
-[Rial]. É unha alegría facer información para a Costa da Morte, lugar que vivimos, que nos gusta e que nos permite facer iso, información local, que non é menos importante. Ao contrario.
-[Rey]. A veces pode que sexa máis responsabilidade, porque son cousas que che poden tocar de preto. Es máis consciente de que as noticias afectan.
-¿Xérase moita información?.
-[Rial]. Tes que tratar 16 concellos, pero é sobre todo nos días con moita carga informativa, como o do incendio da Barca, cando o vives de maneira máis frenética. Fomos ata alí, estivemos cos veciños, contamos o que pasaba...
-[Rey]. Saímos todos os días á rúa con conexións en directo,.
-Están ao carón da xente.
-[Rial]. A min en Vimianzo agora xa me poden escoitar, pero pasoume en Malpica, cubrindo o temporal eu só no porto. De repente saíu un home dun coche e díxome: ?¡Bos días, Manuel!, estábate escoitando pola radio?.
-[Rey]. O meu veciño díxome o outro día: ?Non te vexo moito, pero polo menos escóitote?.
-¿Como se leva ser dous Manueles diante do micrófono?
-[Rey]. É curioso, pero acaba sendo moi divertido.
manuel rial santos e manuel rey pan locutores de radio voz bergantiños
Para seguir a Radio Voz Bergantiños nas redes sociais:
Facebook: Radio Voz Bergantiños
Twitter: @vocescarballo