Jorge Mira recibe un dos premios Peña Novo pola súa defensa do galego

carballo / la voz

CARBALLO

04 jun 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O catedrático baiés Jorge Mira segue acumulando galardóns e recoñecementos. O máis recente, o premio Peña Novo que a Fundación Luis Peña Novo concede a aquelas persoas e entidades que destacan polo seu traballo a prol da normalización do galego e da procura de novos espazos para o seu uso.

O xurado da vixésima edición do galardón, composto por José María Barja Pérez, catedrático e ex reitor da UDC; a escritora Inma López Silva; Clodio González Pérez, etnógrafo e gañador do galardón o ano pasado, Celia Soto Espiña, xefa dos Servizos Lingüísticos da Deputación de Pontevedra; Luís García Mañá, comisario de policía e escritor, e Carme Pérez Vaquero, secretaria de fundación, valorou de Mira o «compromiso persoal que desde hai anos exerce coa incorporación da lingua galega nunha especialidade científica na que non abundan os exemplos».

Tamén salientaron o seu «constante traballo de divulgación científica en galego, poñendo a ciencia ao alcance de todos, conseguindo un perfecto equilibrio entre o que semella só apto para uns poucos» e o traballo que fai a través do programa Conciencia, que achega á sociedade galega a figuras de renome internacional. Por iso conclúen que «ninguén como el logrou achegar a ciencia á xente non experta, sendo un exemplo a seguir dentro da comunidade universitaria».

Xunto con Mira, este ano tamén foron galardoados o Colexio Oficial de Traballadores e Traballadoras Sociais de Galicia e Dalila Dopazo Blanco, maxistrada do xulgado do social número 3 de Lugo.

A entrega dos premios celebrarase o 26 de xuño no Castelo de Soutomaior (19.30 horas).