
A escritora carballesa presentou esta semana no Faro Vilán o seu poemario «Ningún amante sabe conducir»
17 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.A poetisa carballesa e muxiá, Rosalía Fernández Rial, presentou este xoves o seu poemario Ningún amante sabe conducir no Faro Vilán de Camariñas rodeada das pezas da exposición de pintura e escultura Son do Mar e coa colaboración dos seus autores, José Garrido e Yano Yoro, que realizaron unha pequena performance inspirada neses versos.
-¿Quen foi Ramón Caamaño?
-Un fotógrafo muxián moi significativo para Galicia, pero tamén máis alá.
-¿Verbena ou foliada?
-Depende da verbena e depende da foliada, pero as dúas cousas, ¿por que non?
-¿A que dolmen lle chaman a catedral do megalítico?
-Dombate.
-¿Cando foi o último faro que se construíu en Galicia?
-Punta Nariga.
-¿Cal foi a última vez que puxo unha lavadora?
-Hai unha semana.
-¿Un defecto?
-Bastantes. Por elixir un... son un pouco dubitativa.
-¿Cal é o punto máis occidental de Galicia?
-Touriñán, que é un dos meus sitios favoritos na zona.
-¿Que poeta andaluz lle dedicou un poema á Barca?
- Lorca, ¡claro! Un dos meus poetas favoritos tamén.
-¿De que castelo foi dono Rui Soga Mariño de Lobeira?
-Vimianzo.
-¿En que lle gusta pasar o tempo nas vacacións?
-Sobre todo cos amigos, escribindo e tamén nas festas.
-¿Cantos anos ten Avelina Mouzo, a avoa da Costa da Morte?
-Sei que ten máis de 100 e seguramente máis de 105.
-Un soño por cumprir.
-Moitos. Ter soños por cumprir é unha razón para vivir, así que os vou acumulando continuamente. Tamén teño soños colectivos, como que a cultura impere un pouco máis, que a xente aspire a ela e que aprecie as demostracións culturais, e sobre todo que haxa máis traballo neste sector.
-¿Onde está o pazo de Romelle?
-Sóname que está na terra de Soneira, en Zas creo.
-¿Praia téxtil ou nudista?
-Depende das circunstancias, eu adoito ir á téxtil pero se cadra por que non vou ir á nudista. Quédome coas dúas, igual que coa verbena e a foliada.
-¿Onde naceu o almirante Mourelle?
-Laxe ou Corme... se teño que dicir un... Corme.
-¿Onde prefire rematar o Camiño? ¿En Fisterra ou en Muxía?
-Isto é un compromiso... Eu son de Muxía, así que persoalmente creo que acabaría en Muxía porque é onde está a miña casa e a miña xente.