
Logo de tocar na Carballeira, o grupo que lidera Begoña Riobó vén mañá a Carballo
21 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.Begoña Riobó (Vigo, 1978) chegará mañá a Carballo con tres Riobó distintos. Riobó é o seu apelido, Riobó é o nome do grupo que lidera o seu violín e que actuará na Praza do Concello (22.00 horas) e Riobó tamén é o nome do disco que veñen presentar. Ela xa estivera en Carballo, integrando Sondeseu, pero non con este proxecto que agora a ten enfeitizada. Di saber da forte aposta deste Concello pola música de raíz, así que querería atoparse cunha praza chea de público animado. Tamén agarda que non chova: se así fose, o concerto, gratuíto, sería no Pazo. De Begoña din que é a violinista con maior proxección no panorama musical galego. Colleu este instrumento con 15 anos, da man dunha mestra letona, e logo ter feito antes baile galego, entre outras cousas. Iso marcouna, porque entende a música dende o baile e acaba notándose na súa interpretación. Asegura que dende o principio se sentiu moi libre co instrumento, porque non tiña pretensións.
-¿Que traerán a Carballo?
-O disco saíu xa hai un tempo, así que estamos empezando a introducir xa temas novos, do próximo traballo, que agardamos gravar a finais deste ano. O concepto do grupo é retomar o gusto pola música instrumental baseada no repertorio tradicional galego. Case todos os temas están vencellados ao que sería música para baile, non se desvirtúan os ritmos para nada. Ese foi o concepto co que naceu Riobó e o punto distinto que o pode distinguir con respecto a outras formacións que sigan esta liña é que a pedra angular nosa en vez de ser a figura da gaita é a do violín. Temos gaita, pero o violín non é a súa sombra.
-Logo de tocar en tantas bandas [con Carlos Núñez, Seivane, The Chieftains, Anxo Lorenzo ou Sondeseu], Riobó é o seu primeiro proxecto en solitario como violinista folk, aínda que veña en grupo. ¿Impuxo dar ese salto?
-Pon moito respecto, aínda que a historia deste grupo xorde dunha idea que tiñamos Xosé Liz e máis eu de formar un grupo xuntos e, sobre todo, relacionado con esta música que eu estaba adaptando ao meu instrumento. A idea era esa, algo liderado por min, digamos, ou onde eu sería a figura principal, pero pouco a pouco, cando empezamos a traballar no repertorio deste primeiro traballo discográfico, decatámonos de que todos os instrumentos, xuntos, facían un son moi particular e homoxéneo. Así que sempre digo que, aínda que eu acabo sendo a que fala e demais, isto non é un concepto de solista con banda, senón de grupo. A idea é trasladar ao directo o que ocorre no disco e a realidade é que, aínda que estea ao fronte o instrumento do violín, o son de Riobó non tería sentido se non estivese o resto. Isto non quita que si que me sinta moi responsable de Riobó, este é o meu proxecto máis persoal e co que me sinto máis a gusto. Durante moitísimos anos estiven acompañando gaiteiros, adaptándome, pero decatábame de que o modo que eu tiña de entender o instrumento ou o que eu vía que podía chegar a ofrecer, nese ámbito non podía demostralo. Por iso nace Riobó.
-¿Quen subirá ao escenario?
-Iremos cinco, porque en principio traballamos sempre os mesmos: Fernando Barroso (guitarra), Marcos Campos (gaita, acordeón e frautas), Xosé Liz (buzuqui), Fernando Pérez (frautas e requinta) e eu co violín, digamos que como núcleo.
-Vinos tocar na Carballeira de Zas, vostedes pecharon este ano...
-¡Tocamos ás cinco da mañá! ¡Aínda aguantaches ben! Era a miña primeira vez na Carballeira. Igual non debería ter pechado, porque é un son moi acústico, un grupo para escoitar aínda que tamén para bailar, así que tiña as miñas dúbidas. Preguntábame se de verdade ía haber público a esas horas, e asombreime da capacidade de aguante da xente, do seu bo ánimo, bailando, pedindo máis. O certo é que un grande festa: a xente que vai faino para disfrutar de todo, dende o primeiro ata o último grupo. Nós pasámolo moi ben.
-A impresión dos que estabamos abaixo era que vostede bailaba co violín, era algo moi diferente.
-[Sorrí]. A veces acabo sorprendéndome do que a xente percibe e é certo que iso mo dixeron máis persoas: «Verte tocar xa non é so escoitarte, estás sorrindo, bailando...». Son cousas que non forzo para nada: eu entendo a música tradicional dende o baile, o ritmo e a pulsación. Non podo imaxinala sen iso, así que esa interpretación é algo que fago case sen decatarme. Disfruto moito tocando e sentindo dese xeito, así que me alegro de que axente o perciba e lle guste. Creo que é así porque aínda non hai en Galicia e España moita xente que se estea dedicando á música tradicional no violín, o que se chama fiddle. O violino dentro do clásico si que é máis encorsetado, pero xa hai persoas, como Ara Malikian, que están tratando de mudar esa imaxe.
-Percorreu festivais do mundo. ¿Cre que aquí aínda temos que aprenden a valorizar a música?
-Si. Con Carlos Núñez, por exemplo, percorrín moitos festivais da zona da Bretaña francesa. Alí consómese a música tradicional dun xeito máis asiduo, pero a xente sabe que se quere disfrutar daquilo ten que pagar unha entrada. Iso tamén os fai máis críticos. Aquí a veces estamos moi acostumados aos concertos de verán, gratuítos, pero a cultura hai que mantela, e temos que saber que un espectáculo ten un valor e un prezo. Niso si que nos queda aínda bastante camiño.
-E iso pese á nosa rica tradición.
-No violín, a referencia é música irlandesa ou escocesa, e deles tamén aprendín moito, pero logo decátaste de que nós somos máis ricos en ritmos e xéneros. É máis divertida a nosa música, así que ao final facemos un proceso de volta. Creo que temos un patrimonio musical incrible, e pretendemos que Galicia o recoñeza e disfrute con todo isto.