«Hoxe en día hai moita informática para adaptar á gandaría»

lUIS gARCÍA / mANUEL rIAL CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

José Luis Míguez, veterinario, en Radio Voz.
José Luis Míguez, veterinario, en Radio Voz. JOSE MANUEL CASAL

«Unha ollada cara ao futuro» é o lema das conferencias de SERAGRO

17 sep 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A Sociedade Cooperativa Galega SERAGRO leva xa doce anos organizando unhas interesantes xornadas dedicadas ao gandeiro. Pola Facultade de Veterinaria de Lugo pasarán o 13 e o 14 de novembro expertos españois, franceses, irlandeses e mesmo dos Estados Unidos. Como insiste o organizador, José Luís Míguez, non importa o lugar da explotación, se non a mente de quen traballa. En Voces do Agro, de Radio Voz Bergantiños, adiantou algo do programa.

-¿Como o leva?

-Hai noites que non durmo, pero estou moi contento. É un traballo apaixonante pola cantidade de xente que descobres polo camiño e cos grandes contactos que fas.

-¿Que personalidades traen?

-Todos son salientables. É duro facer unhas xornadas que aguanten tanto. Traer xente nova que aporte cousas novas é difícil. Pero aínda o imos conseguindo. Este ano o lema é Unha ollada cara ao futuro. Estamos en momentos de incerteza ao mirar cara adiante. En Galicia hai menos explotacións e as que hai, medran. Por aí vai a liña das xornadas. Sobre como xestionar unha grande explotación, pero retornando un pouco ás bases. É un programa máis próximo aos gandeiros cós veterinarios.

-O millo vai ser un dos temas clave.

-Este ano temos a oportunidade de contar coa presenza de Albert Paul Laborde. Francés, enxeñeiro agrónomo, traballou nun dos institutos máis importantes de investigación agraria do país. Se hai alguén que teña paixón polo millo, ese é Laborde. Ten moitas hectáreas da súa propiedade para investigar. É moi coñecido na zona dos Pireneos, Mediterráneo francés, Italia, Portugal... É un dos grandes investigadores do millo forraxeiro.

-Cada vez máis importante.

-É a base da alimentación, sen dúbida. Cada vez hai máis hectáreas dispostas para o millo. El vai contar como optimizar o recurso. Nos últimos anos dedicouse á investigación da planta con satélites, até con drons para a análise de parcelas.

-¿Como se consegue chegar ao que lle chaman unha «gandaría de precisión»?

-Si, é un dos relatorios das xornadas. Consiste en dar resposta aos problemas que pode haber nun momento determinado. Hoxe en día hai moita informática para adaptar á gandaría. Por exemplo, crear especies de invernadoiros para adaptarse ao mellor clima para a vaca. Outros específicos para a sala de muxir...

-¿Como se podería trasladar á zona?

-No tema do muxido, a maior parte xa está automatizado, incluso con fluxos de leite en colector para un apurado mellor, ademais de evitar sobremuxidos. Tamén hai unha serie de programas informáticos para analizar os detalles máis técnicos. Confort e benestar animal.

-Do outro lado do Atlántico tamén traen relatores.

-Con Juan Quezada, de Wisconsin, no norte dos Estados Unidos. É un home feito a si mesmo. Comezou muxindo, en grandes salas en California. Foise especializando pouco a pouco en celo e partos. Até que hoxe en día traballa nunha gran explotación leiteira, chamada Milk Source. É un conxunto de explotacións intensivas, que teñen unha característica común: tratar moi ben ao empregado. O éxito coas vacas depende das relacións humanas e das decisións. É moi interesante, por iso vai estar dous días.

josé luis MÍGUEZ VETERINARIO