
A Escola Galega de Consumo ten a súa sede física no Instituto Galego de Consumo, en Santiago
13 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Na última emisión de Ecovoz, os oíntes puideron coñecer un pouco máis a Escola Galega de Consumo, da man da súa directora técnica, Patricia Fernández.
-¿A que se dedica a Escola Galega de Consumo e dende cando funciona?
-Créase máis ou menos no ano 2005 como un instrumento para coordinar as actividades de educación e de formación no eido do consumo. Traballamos tanto no ámbito da educación regrada, colaborando activamente coa Consellería de Educación, como no ámbito da educación non regrada, realizando cursos e actividades formativas con distintas entidades.
-¿Cales son as súas prioridades nestes momentos?
-Expandirnos, poder chegar a un maior número de alumnado e incrementar o número de lugares e de público posible. Chegar a todos os concellos de Galicia.
-¿Que tipo de campañas están a desenvolver?
-Traballamos con catro programas. Temos un programa de carácter permanente que facemos durante todo o curso escolar. Chámase Programa Cores, acrónimo de consumo responsable. Nel impartimos tanto charlas como obradoiros, é dicir, talleres prácticos sobre distintas temáticas relativas ao consumo.
-¿Cales son os outros programas?
-Temos tamén tres programas estacionais. Céntranse en tres épocas do ano nas que o noso consumo se identifica de xeito particular, é dicir, consumimos certos produtos e servizos. Na época do entroido temos o programa que se chama entroido coa EGC, despois, durante o verán, temos o programa lecer-consumo, centrado en alternativas de lecer nesta época e xa ao final do ano temos o programa infonadal-consumo.
-Pero actividade da escola non queda aí...
-Ademais, en colaboración coa Consellería de Educación participamos tamén no Plan Proxecta, fomentado dende esa consellería e destinado a promover o traballo por proxectos nos centros educativos. Temos dous programas específicos dentro dese Plan Proxecta. Un é o concurso escolar a nivel estatal Consumópolis. E o outro é o programa Galiconsnet. Por último, tamén organizamos charlas e conferencias sobre distintos temas que están de actualidade e lle afectan ás persoas consumidoras. A maiores, promovemos cursos de formación para o propio persoal do Instituto Galego de Consumo e das oficinas das OMICS, e tamén para algúns docentes da Consellería de Educación.
-¿Cales son os obxectivos desas campañas?
-Que nós como persoas consumidoras esteamos informadas dos nosos dereitos e deberes, informadas dos produtos e dos servizos que adquirimos. E despois tamén que coñezamos as posibilidades que temos de reclamar, se temos algún problema con ese produto ou ese servizo.
-¿Que accións están levando a cabo respecto ao consumo responsable e á prevención de residuos?
-A prevención de residuos é inherente e transversal á educación para o consumo responsable, posto que o mellor residuo é o que non se produce. Por iso nas nosas actividades explicamos que facer unha lista da compra incorporando nela só o realmente necesario, diferenciando nela a data de caducidade da de consumo preferente; levar a nosa propia bolsa ao supermercado, priorizar a adquisición de artigos a granel; rexeitar o sobreembalados, e optar por aqueles produtos que se comercializan en envases reutilizables constitúen xestos que non só poden axudar a diminuír a xeración de lixo, senón tamén á economizar o noso presuposto.
-Dispoñen de varias aulas, ¿cales son e que se fai nelas?
-Son tres aulas específicas, temos unha aula de informática que está dotada con 10 equipos informáticos na que facemos os obradoiros relativos a compras en internet, contratación de viaxes na rede, o deseño de videoxogos ou a simulación dunha factura eléctrica. Despois temos unha aula de publicidade que está equipada con todos os medios técnicos necesarios para traballar os contidos relativos á publicidade. Por último, a aula que simula un supermercado. Nela, traballamos a compra responsable, o etiquetado alimentario, a pirámide alimentaria ou a publicidade no punto de venta.
«Evolucionamos, cada vez máis os consumidores fan valer os seus dereitos»
Dende a Escola Galega de Consumo traballan con colectivos organizados, nunca fan actividades formativas de carácter individual. A súa páxina web é consumo.xunta.gal e tamén teñen perfil en Facebook.
-¿Onde se poden consultar dúbidas?
-As dúbidas concretas cun tema de consumo, no teléfono 900 231 123, pero despois se o que queren é falar coa escola para solicitar unha charla ou calquera actividade, a mellor forma de facelo é enviando unha mensaxe a igc.escuela@xunta.gal ou chamando directamente ao 881 999 091.
-¿Que concepto de consumo cre que temos?
-Eu creo que a maioría da poboación identifica consumo con consumismo, pero isto é precisamente o que queremos evitar coas nosas actividades formativas. Concienciar sobre a necesidade de consumir, pero de xeito consciente, crítico e informado, sen deixarnos levar polos impulsos da publicidade e do márketing.
-¿Coñecemos todos os dereitos e deberes como consumidores?
-Creo que fomos avanzando e cada vez máis as persoas consumidoras fan valer os seus dereitos, consultan os prezos e ofertas, reclaman se o produto non funciona ben ou se avaría, esixen a devolución do indebidamente cobrado... Pero aínda queda moito que facer, sobre todo cos máis novos, porque eles son os futuros consumidores e porque cada vez están cambiando as formas de consumo. De aí a importancia de educar para o consumo responsable ás novas xeracións.