«Hai moito esforzo detrás, pero o máis importante é concienciar aos alumnos»

María Meizoso CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ECOVOZ 2023 | O colexio pedro Caselles Rollán de Xove sumouse, por terceiro ano, ao programa Recíclate con Sogama

22 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Por terceiro ano, o CEIP Pedro Caselles Román de Xove participa no programa de educación medioambiental Recíclate con Sogama. Os da Mariña sumáronse este ano co proxecto E ti, telo claro?, baixo a coordinación da xefa de estudos do centro, Marta Álvarez. O traballo, subliña, «recae fundamentalmente no grupo de 5º de Primaria», do que ela mesma é titora.

—En que dirección foi o traballo deste curso?

—Custou escoller o título porque, a principio de curso, os nenos e nenas aínda non tiñan claro o que íamos traballar. De feito, non temos un guión totalmente establecido senón que imos variando segundo as cousas que van xurdindo. O que fixemos foi resumir e recordar o que se fora facendo con cursos anteriores e chegamos á idea de axudar, ao resto da comunidade escolar, a separar os residuos. Eles ollaban os colectores de lixo e as cousas estaban mal separadas.

—Cal mencionaría como o obxectivo final que se teñen marcado?

—A súa idea final, que aínda está en proceso, é a de crear uns tips ou curtas con consellos de reciclaxe para que sexa máis visual e para que a xente se pare a miralo con máis atención.

—Non é o primeiro ano que se suman ao programa impulsado por Sogama. Vaise notando a pegada entre os escolares?

—Os nenos van vendo o que os compañeiros fixeron en cursos anteriores e, cando lles formulas a idea de empezar a traballar, todos están moi motivados, xa non comezan de cero. A única dificultade que temos, en ocasións, é o feito de que eles ven actividades, pero non saben do traballo que hai detrás. O gran peso recae en 5º, así que o primeiro curso é máis teórico e segundo máis reivindicativo, práctico e divertido para eles. Pero xa desde que comezamos a participar temos os colectores nas aulas e un horto con composteiro no que aproveitamos os restos que produce o comedor escolar. Os alumnos xa teñen esa conciencia de pensar se algo pode ter unha segunda vida antes de tiralo. E iso transmítenllo ás súas familias.

—É fácil imaxinar o esforzo que hai detrás de todas estas actividades.

—Hai moito esforzo detrás, pero o máis importante é concienciar aos alumnos da importancia de coidar o medio. E, unha vez tes esa conciencia instaurada no grupo, xa todo é máis fácil e xa non é tanto un esforzo. Pasa a ser algo que hai que compaxinar co resto de actividades.

—Podería resumir o groso das actividades programadas?

—Durante este curso tivemos dúas formacións de Sogama, a do propio Plan Proxecta Recíclate con Sogama e a do colector marrón. Por outro lado, puxemos en funcionamento o horto e os cinco composteiros que temos instalados, que remodelamos por completo a principio de curso. E tamén arrincamos coa ecopatrulla, que está funcionando moi ben nos recreos, axudando a reciclar, a separar os residuos producidos coas merendas. Así mesmo, presentamos a noso proxecto para participar por primeira vez, o curso que vén, en Voz Natura.

—De entre todo o traballo que fan, que é o que máis atrae aos rapaces?

—Realmente, gusta todo, pero igual o que máis valoran é o feito de poder ensinar eles aos máis pequenos, ir ao resto de aulas e ser eles os que transmiten. E tamén lles gusta moito facer calquera tipo de traballo manual sobre reciclaxe. Iso e o horto escolar, que atrae a atención de todos.

—Ademais, o seu é un centro que ten moi presente isto do medioambiental en todas as celebracións.

—En Samaín fixemos un mural construído sobre un panel de cartón, no Nadal marcapáxinas tamén de cartón, e o Entroido sempre está unido ao proxecto anual do centro.